Narón acolle cinco espectáculos do “V Festival Internacional Entes Animados”

A quinta edición do Festival Internacional Entes Animados (Festea) chegará esta fin de semana á cidade, onde se desenvolverán tres espectáculos de compañías internacionais.

Así o avanzou a alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, que recordou que a primeira das propostas será mañá ás 19.00 horas no Centro Cívico Social da Gándara, onde se poderá ver “Joaquín”, da compañía lusa Luis Manitha.

Na xornada do sábado regresarán os espectáculos, con dúas propostas, ás 16.30 horas nos centros cívicos sociais de San Xiao e do Couto. No primeiro dos casos poderase ver “Arlequiniadas”, da compañía italiana “Bambabambin” e no segundo “Antón, o rato do circo”, da compañía “Marimbondo”, de Portugal e Alemaña.

O ciclo programado na cidade rematará este domingo, con dous novos espectáculos.

Ás 12.00 horas o centro cívico social do Val acollerá a representación de “O pitiño lambón”, da lusa “Historioscopio” e ás 17.00 horas no local da Sociedade Cultural “A Pombiña”, en Pedroso, representarase o espectáculo “O secreto do Río”, da firma lusa Fio d´Azite.

Festea representa, tal e como indicaron dende a dirección, “unha celebración da diversidade teatral titiriteira e a unión de diferentes culturas a través da arte”.

En total, dende mañá ata o domingo, haberá 19 espectáculos nos concellos de Narón, Ferrol, Valdoviño, Cabanas, Ares, Neda, Fene e Miño.

Todos estes concellos organizan a convocatoria, que forma parte da Red de Festivales Internacionales de Teatro de Títeres y Objetos de Otoño.

A alcaldesa da cidade animou ós veciños a presenciar estes espectáculos, con entrada de balde e que representan “unha excelente oportunidade para desfrutar de propostas culturais internacionais de gran calidade e fomentar a cultura en xeral e o teatro de títeres neste caso en particular”.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …