O BNG de Ferrol solicita o «fin das represalias e mellora das condicións de vida» no Souto de Leixa

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol defenderá no pleno municipal deste xoves 30 unha iniciativa coa que pretende que «o concello se implique activamente nos problemas que atravesa o CAPD Souto de Leixa demandando a Xunta que interveña na solución aos múltiples problemas que padece o centro, o cese das represalias no mesmo,a readmisión do persoal despedido ou a recuperación da xestión pública do mesmo»

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, agarda que o Alcalde desta cidade «non fuxa deste debate como fixo hai uns meses neste mesmo pleno municipal. Rey Varela, anterior conselleiro de Política Social, non pode seguir amosando unha absoluta indiferencia diante do que están a sufrir as persoas que alí residen. Lembra que a situación deste centro co paso dos meses non deixa de empeorar e considera que esta moción ten que servir para mellorar as condicións de vida dos e das residentes deste centro»

O BNG sinala que «o despedimento de 3 persoas entre as que se atopa un integrante do comité de empresa o pasado mes é unha actuación da dirección da empresa que constitúe unha represalia evidente polas queixas e denuncias presentadas desde este organismo»

«Ademáis, esta decisión, para alén do prexuízo para as persoas afectadas significa continuar no deterioro da atención ás persoas residentes no centro reducindo un persoal xa escaso que nin sequera cumpre os mínimos esixidos polo prego de contratación, e continuar no deterioro das condicións laborais do persoal en activo que ve aumentada a súa carga de traballo e sobre todo a presión psicosocial por causa dunha actuación da dirección evidentemente arbitraria e inxusta»

«As queixas das familias das persoas residentes, e mesmo do cadro de persoal, veñen sendo continuas desde o inicio da xestión privada do centro, queixas que en reiteradas ocasións o BNG ten elevado às distintas institucións implicadas buscando recuperar o centro para a xestión pública ou para o cumprimento do contrato de concesión no seu plan de traballo.»

«Todas estas iniciativas foron vetadas polo Partido Popular evidenciando a súa entrega aos intereses ás grandes empresas concesionarias dos servizos públicos por enriba dos intereses e mesmo dos direitos fundamentais das persoas ás que debe servir o goberno e as administracións públicas, con especial gravidade no caso do Centro Souto de Leixa destinado a atender ás persoas máis vulnerábeis da nosa sociedade, aquelas que non poden defenderse por si propias, e que polo tanto deberían ser obxecto dunha atención moito máis dilixente do que a empresa concesionaria e tamén a Xunta de Galiza como titular están a proporcionarlles» conclúen

 

Lea también

El martes inauguración del «Rastrillo» de la A. Nuestra Señora del Carmen

La asociación “Nuestra Señora del Carmen” de Ferrol celebrará desde el martes 26 de noviembre, …