Próximas accións do Xeoparque Cabo Ortegal como iniciativa recoñecida pola Unesco

Visibilizando o Xeoparque

A Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal recibía en maio deste ano o distintivo de “Global Geopark”, un dos tres principais recoñecementos da UNESCO, xunto co de Patrimonio da Humanidade e Reserva da Biosfera.

Este distintivo chegaba pouco despois de ter inaugurado unha serie de accións de visibilización do proxecto como foi o deseño de materiais para eventos deportivos, merchandising ou folletos turísticos e mapas; ao igual que as primeiras intervencións murais de gran formato. Foron os concellos de Valdoviño, Cedeira, San Sadurniño e Cerdido os primeiros en deixar esta pegada, coas intervencións artísticas de Doctor Toy, Nove Noel, Miguel Peralta e Iria Fafián.

A actividade enxalzaba varios recursos patrimoniais da zona como a falla de Valdoviño, a serra da Capelada, a paisaxe de ribeira ou a Fraga dos Casás e terá continuidade no resto dos concellos que forman parte do Xeoparque.

Outra das actuacións que deron a coñecer a riqueza patrimonial, neste caso centradas o núcleo do proxecto, a xeoloxía, foron e son as XeoRutas, nas que levan participado un total de 668 persoas durante este ano dende Semana Santa ate este momento do verán; sendo os itinerarios de maior éxito en volume de público a ruta da praia de Areas Negras, a do Arsénico, da Mina Piquito, O Limo, Cantís, Volcáns, Cabos ou do Granate.

Próximos pasos 

Co gallo de seguir divulgando entre a poboación local e as persoas visitantes ao territorio as potencialidades deste proxecto, a Asociación inicia este sábado 26 de agosto unha exposición de paneis didácticos de carácter itinerante, financiada pola Deputación da Coruña, entidade que ten apoiado o proxecto do Xeoparque dende os seus inicios.

A exposición estará presente nos 7 concellos da zona e as datas máis próximas para vela son:

Do 25 ao 28 de agosto, en San Sadurniño, facendo coincidir coa Feira Rural que congregará a numerosos participantes o sábado 26 de agosto.

Do 28 de agosto ao 4 de setembro, no paseo peonil da praia de Pantín, en Valdoviño, datas que conflúen coa celebración do evento internacional do surf, Pantín Classic Galicia Pro. A exposición consta de 4 paneis dobres, enmarcados nunha estrutura de ferro, que tratan a orixe do Xeoparque Cabo Ortegal, a definición desta figura, que busca o desenvolvemento local do territorio, os Geosites e os Lugares de Interese Xeolóxico (LIX), ou o funcionamento da rede mundial de Xeoparques da UNESCO.

Deste modo, poderase coñecer durante a exposición os 16 Xeoparques que operan no territorio estatal e realizar un percorrido moi visual pola historia do Xeoparque Cabo Ortegal, con datos moi curiosos ordenados nunha liña temporal.

Esta cronoloxía fai alusión a Isidro Parga Pondal, ilustre químico galego e apaixonado da xeoloxía, que en 1958 realiza o Mapa Tectónico de Galicia. Este mapa foi considerado excepcional e novidoso en toda Europa, atraendo ás Universidades Centroeuropeas que realizaban aquí as súas investigacións. Foi realmente o preludio para que, nos anos 80, as Escolas de Xeoloxía Nacionais comezasen a visitar a zona para profundar e completar os estudos das peculiaridades xeolóxicas deste enclave tan singular, realizándose un elevado número de teses doutorais.

Os paneis tamén recordan a visita no mes de agosto de 2022 dos auditores da UNESCO, Chris Woodley-Stewart (Reino Unido) e César Goso (Uruguay), para realizar a auditoría in situ e avaliar a calidade do proxecto. Este momento foi clave para acadar a aprobación definitiva, na 216o Sesión do Consello Executivo da UNESCO, do Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial.

Así mesmo, e dada a necesidade de seguir pulando pola investigación e adquisición de capacidades de cara o bo desempeño e xestión do Xeoparque Cabo Ortegal, o xeólogo Francisco Canosa participará a principios de Setembro en Marrakech nun encontro da Rede Internacional de Xeoparques, denominado “10th International Conference on UNESCO Global Geoparks 2023”.

O encontro terá lugar entre os días 7 a 11 de Setembro e facilitará o intercambio de boas prácticas entre os distintos xeoparques, mediante a realización de varios workshops temáticos, participando UGGp Cabo Ortegal no grupo de traballo denominado “Xeoparques: conversación e valorización dos lugares do patrimonio xeolóxico”. Ademais, no marco desta convención, levarase a cabo a Asemblea Xeral do GGN, coa participación por primeira vez do noso Xeoparque, e a posterior visita de campo ao Xeoparque M’Goun na zona de Azilal e de Béni Mellal.

Esta será a primeira intervención da Asociación como Global Geopark e constituirá unha ocasión para coñecer, de primeira man, outras fórmulas de xestión, metodoloxías de interpretación e divulgación e actividades educativas, que se podan transferir como boa práctica á Asociación, para reforzar o seu traballo interno e tecer a rede coas “entidades amigas”, asociacións do territorio que actúan como prescriptoras e impulsoras deste ambicioso proxecto.

Outra das accións programadas dende a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal será a aprobación e posta en marcha do proceso de selección dun equipo técnico propio, encargado de coordinar e definir a estratexia dos vindeiros anos. A creación desta estrutura administrativa será necesaria para garantir a estabilidade do Xeoparque, a consecución dos obxectivos marcados pola UNESCO e a consolidación do proxecto.

Lea también

El Gobierno estudia la implantación de una red de trenes de cercanías en Galicia

Asimismo, ha asegurado que se están analizando las fórmulas para mejorar las comunicaciones ferroviarias de …