Comezan hoxe as Festas da Patroa de Cedeira coa «Carreira Popular», o «Entroido de Verán» e a «Festa da Escuma»

O Concello de Cedeira inaugura este venres as Festas da Patroa, que como é tradición rematarán coa xira a San Antón de Corveiro o vindeiro día 17.

O pregón que abre oficialmente o programa de actos será pronunciado esta tarde, ás 20.00 horas na praza do Concello, por persoas usuarias da asociación Apader. Antes, as 17.00 horas, desenvolverase a xa tradicional Carreira Popular á que moitos dos corredores e corredoras acudirán disfrazados, como corresponde a unha proba non competitiva e na que sempre prima o bo humor.

O Concello cédelle este ano o protagonismo do pregón a Apader, unha entidade que leva 42 anos traballando a prol das persoas con discapacidade intelectual. Elas mesmas tomarán a palabra para recordar ao fundador da asociación, Gonzalo Latorre, e para proclamar que “ainda que moitos de nós non temos nado aquí, sentímonos uns cedeireses máis”. Na súa intervención, agradecerán o cariño da vila, na que Apader ten un centro residencial e outro ocupacional, así como pisos tutelados. “Queremos aproveitar para darvos as grazas por deixarnos amosar o que valemos e que cada día estea cheo de ilusións para nós”. O acto que marca o comezo das festas terá o acompañamento da agrupación de música tradicional Buxainas.

Tras o pregón comezará a troula. A praza Roxa é o lugar de encontro do Entroido de Verán, todo un clásico nas festas da localidade. E a partir das 22.30h comezará a soar a música da disco móvil EME Music e poñeranse en marcha os surtidores da Festa da Escuma. O programa de festas proseguirá mañá, sábado día 12,  coa primeira das verbenas. A orquestra Furia Joven actuará a partir das 23.00h no escenario disposto na praza Roxa.

A xornada do domingo comezará cun pasarrúas da Banda de Gaitas de Ortigueira, a partir das 13.00h, que rematará o percorrido nunha sesión vermú na praza Roxa. Na tarde desta xornada dominical desenvolveranse os Xogos Populares. Comezarán ás 16.00 horas no paseo da Mariña e a inscrición poderá realizarse desde unha hora antes alí mesmo. Segundo establecen as bases publicadas na web do Concello, as actividades van dirixidas a maiores de 14 anos –os menores de idade deberán presentar unha autorización dos titores no momento da inscrición-. Cucaña marítima, tirada de corda, carreiras de ovos e de sacos e unha regata de chalanas componen as disciplinas destas particulares olimpíadas cedeiresas, nas que se repartirán 800€ en premios. Na noite do domingo haberá de novo verbena, desta volta coa actuación da orquestra Os Satélites.

O programa para a vindeira semana é o que segue:
14 de agosto
20.00h Pasarrúas “A Danza dos Paxaros”.
22.30h Verbena na praza Roxa co Grupo Atenas-Grupo Galia.

15 de agosto
12.00 misa cantada coa coral Virxe do Mar.
13.00 Sesión vermú na praza Roxa coa Banda de Música Vila de Cedeira.
20.00h Espectáculo de circo e danza para o público familiar na praza do Floreal: “Giamping”.
21.00h Pasarrúas desde a praza de Floreal coa Fanfarria Taquicardia.
22.30h Verbena na praza Roxa coa Orquestra Fania Blanco Show e o Grupo Claxxon.
00.00h Fogos de artificio (suspenderase a verbena para a sesión de lucerío, para retomarse a continuación).

16 de agosto
11.00h Misa e procesión marítima
20.00h Espectáculo para o público familiar na praza do Floreal: “Kaldi“.
23.00h Concerto na praza Roxa: Mercedes Peón e Mondra.

17 de agosto
Día da Xira de San Antón de Corveiro
22.30h Verbena na praza Roxa coa Orquestra Floliada D’Ases.

Lea también

Detienen al exdiputado de AGE Xabier Ron y registran su material informático

Los agentes de la Guardia Civil registraron dos viviendas vinculadas al ahora profesor y revisaron …