Medio cento de ciclistas participan na cronoescalada Sanrockeira en Naraío, San Sadurniño

A comisión de festas de Naraío, o Concello de San Sadurniño e o club Biela e Chaveta organizan para a tarde deste venres 11 de agosto a I Cronoescalada Sanrockeira

Unha proba ciclista na que onte, ao peche das inscricións, se anotaran un total de 52 participantes co obxectivo de marcar o mellor tempo nos pouco máis de tres quilómetros que separan a pista polideportiva da Veiga do lugar de Quintiá, situado 468 metros máis arriba. 

A cronoescalada comezará ás 18:30h dándo saídas de cada minuto e pasando polo Eirexado, Correlo, o Cerdeirido, a Cernada, Lourido e, finalmente, Quintiá. En todo ese trazado non se cortará a circulación e, por esta razón, prégaselles ás persoas usuarias da pista que circulen con precaución entre a hora de inicio e as 19:45 h, momento en que está previsto que remate esta contrarreloxo coa que se abre a fin de semana festiva do San Roque

A proba está dividida por categorías dentro de dúas modalidades, unha para bicis de estrada e outra para bicis BTT. No primeiro apartado hai seis clasificacións por idades, tanto en masculina como en feminina: Sub 23, 19 a 22 anos, Elite, 23 a 29, Máster 30, Máster 40, Máster 50 e Máster 60. Na segunda modalidade, para bicicletas de montaña, os e as participantes encádranse en Máster 30, Máster 40, Máster 50 e Máster 60.

A saída para a primeira persoa participante darase ás 18:30h e a partir de aí irán arrancando individualmente cada 60 segundos. Os tempos controlaranse con cronometraxe manual. O itinerario discorre sobre firme aglomerado, algo que favorecerá ás bicicletas de roda estreita e razón pola que a organización dividiu a proba en dúas modalidades, sabedora de que a evolución con roda ancha é, a priori, máis lenta.

O primeiro quilómetro de trazado, entre o Eirexado e a Cernada (polo camiño novo de Lourido) ten escasa dificultade, con costas suaves, algún segmento chan e incluso algunha baixada. A cousa complícase na volta do rego, a 2,4 km da meta, onde empeza un ascenso ininterrompido ata practicamente o final, cuns últimos metros en terreo chan de novo no que será posible esprintar para ganar algúns segundos… sempre que queden folgos para facelo.

Os dorsais poderán retirarse ata as 18:00h presentando o carné ou a licenza federativa. Todos os ciclistas terán cobertura dun seguro e, ademais, a organización tamén contará con ambulancia ante posibles incidencias. Na chegada haberá avituallamento líquido para todas e todos os participantes, que poderán regresar á saída polo mesmo camiño respectando o avance de quen aínda estea subindo. 

Ademais cómpre ter en conta que a pista estará aberta ao tráfico durante o transcurso da proba. De aí que se lle pregue a máxima precaución tanto ás persoas participantes como ás usuarias da vía, a quen tamén se lles pide que, de ser posible, usen itinerarios alternativos entre as 18:30 e as 19:45h, hora estimada de remate da crono.

Na modalidade de bicicleta de estrada levarán trofeo os tres mellores tempos masculinos e femininos das seis categorías. Na modalidade BTT haberá trofeo para as primeiras persoas clasificadas -masculino e feminino- en cada unha das catro categorías Máster. Ademais tamén se lle entregará galardón a quen fagan o mellor rexistro feminino e masculino tanto na xeral en estrada como na xeral en BTT.

Máis actividades e, por suposto, festa

A I Cronoescalada Sanrockeira é o aperitivo para dous días de festa, sábado e domingo, na honra do San Roque. O programa do sábado arranca co pasacorredoiras dun grupo de gaitas, seguido cara ao mediodía de misa, «fuegho» e sesión vermú animada por Pekados. O grupo musical repetirá na verbena da noite na compaña de Origen. O domingo volve haber misa, fogos e «función» de mediodía, neste caso coa orquestra Trébol, quen compartirá escenario pola noite coa Claxxon.

O propio domingo aínda hai dúas citas máis que reseñar. Ás 10:00h partirá do castelo de Naraío a Xeorruta das Pías guiada polo doutor en Xeoloxía Fran Canosa. Primeiro baixarase á fervenza do Castro para comprender os fenómenos litolóxicos que marcan a fronteira sur do Xeoparque Cabo Ortegal e, posteriormente, subirase a Racamonde para observar sobre o terreo as formacións graníticas que afloran na paisaxe. Ese punto, o máis elevado do concello de San Sadurniño, ofrece unha vista panorámica de case todo o territorio declarado recentemente pola UNESCO como xeoparque mundial.

Para participar no percorrido hai que reservar praza a través desta ligazón (10€ por persoa).

A segunda proposta do domingo festivo en Naraío é o «Trofeo 50º aniversario da UDC Narahío», co que o club local prosegue coa celebración do seu medio século de vida como equipo federado. O partido, preparatorio da temporada, enfrontará aos anfitrións coa SDR Neda a partir das 18:30h.

Percorrido da I Cronoescalada Sanrockeira en Google Maps

Regulamento da proba

Perfil do trazado en wikiloc (aparece só o percorrido desde o Eirexado, aínda que a proba sae da pista polideportiva)

Lea también

Un partido homenaje conmemora el 50 aniversario del fútbol sala en Ferrol

El concejal de Deportes, Ricardo Aldrey, presentó en el Ayuntamiento de Ferrol el primer acto …