A alcaldesa de Narón , Marián Ferreiro, presidiu este xoves a recepción oficial que tivo lugar no Concello aos menores saharauis que pasarán o verán con familias de acollida da cidade. No acto estiveron tamén os voceiros de Terra Galega, Román Romero; PP, Germán Castrillón; e os edís do BNG Geno Carballeira e do PSOE, Jorge UIlla.
Hafdala, Said, Mohamed e Ashma, de entre 8 e 9 anos, chegaron ao Consistorio acompañados polas familias coas que están desfrutando dos seus primeiros días na cidade, afastados das elevadas temperaturas que nestas datas se alcanzan nos campamentos de refuxiados de Tinduf, en Arxelia.
Ferreiro deulles a benvida á cidade e interesouse por coñecer as súas primeiras impresións na cidade nestes primeiros días, e onde permanecerán ata o mes de setembro. Dende o Concello entregóuselles como agasallo unha mochila e tamén un vale para canxear por material didáctico, por importe de 60 euros. Unha das menores saharauis, Ashma, entregoulle á alcaldesa unha «melfa», símbolo da cultura saharaui como prenda tradicional que utilizan as mulleres.
A alcaldesa desexoulles unha boa estancia na cidade aos menores e destacou “o papel fundamental que xogades todas as familias de acollida, que facedes posible a continuidade deste programa e que estas nenas e nenos poidan desfrutar duns días fóra dos campamentos de refuxiados arxelinos, recibindo atención sanitaria e coñecendo unha realidade moi distinta ao seu día a día”.
Así mesmo, a rexedora local destacou o labor da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui “por impulsar na nosa comunidade este programa e pola axuda e o contacto permanente que, xunto coas familias, mantedes ao longo do ano co pobo saharaui”.