A Deputación da Coruña ven de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión da liña PEL-Autónom@s 2023 do Plan de Emprego Local, que ten por obxecto sufragar parte das cotas da Seguridade Social de persoas autónomas naqueles meses que xa non perciben outras axudas, bonificacións, nin reducións e que teñan o seu domicilio fiscal en concellos de menos de 20.000 habitantes.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que ao abeiro deste programa, un total de 713 profesionais autónomos/as recibirán este ano entre 1.200 e 2.400 euros para axudarlles no pago das cotas á Seguridade Social, cun investimento global de 1,65 millóns de euros.
“O colectivo dos autónomos, ao que pertencen máis de 200.000 persoas en Galicia, ten unha importancia clave na economía e na creación de emprego en Galicia. Por iso decidimos crear esta liña de axudas e ampliar o seu orzamento inicial nun 65%, xa que se trata dunha das liñas con maior demanda do PEL”, explicou o presidente, que incidiu en que as axudas apoian a actividade destes profesionais nos concellos de menor tamaño da provincia co obxectivo de “favorecer o emprego no rural”.
Esta liña de apoio a autónomos é unha das que integran o PEL, unha aposta transversal do Goberno da Deputación á que se destinaron 106 millóns de euros nos últimos sete anos a través de diferentes axudas para contratar persoal, impulsar o emprendemento, apoiar o desenvolvemento dos pequenos negocios e apoiar aos traballadores/as autónomos.
Actividades profesionais das persoas beneficiarias
O 66,62 % das persoas beneficiarias pertencen ao sector terciario, en concreto cómpre salientar a actividade de comercio ( 11,64% do total), seguida da de hostalaría e turismo (9,54 %). Así mesmo, tamén débese sinalar a actividade de construción e reformas enmarcada no sector secundario, co 8,84 % das empresas beneficiarias.
Un total de 145 das persoas beneficiarias dedícanse á actividade agrícola, gandeira, forestal e pesca, o que representa o 20,34 % do total de axudas concedidas.Pola súa banda, un 50,07% das persoas beneficiarias enmárcanse en sectores estratéxicos, emerxentes e de alto potencial de Galicia.
Ademais, cabe salientar que o 98,32% das persoas beneficiarias nesta convocatoria de PEL-Autónom@s, non resultaron beneficiarias na convocatoria anterior.
Apoiar a actividade dos autónomos nos pequenos concellos
En canto á distribución da axudas PEL-Autónomos por concellos onde se localiza o domicilio fiscal das persoas beneficiarias, cabe destacar que a meirande parte proveñen de Noia con 37 axudas concedidas por importe de 87.000 euros e Fisterra con 28 solicitudes por importe de 67.000 euros, seguidas de Teo con 25 solicitudes concedidas que supoñen 58.000 euros.
Con relación ao domicilio fiscal, 282 das persoas beneficiarias teñen o domicilio fiscal nun municipio con poboación entre 5.001 e 10.000 habitantes,o que representa o 39,55 % do total, e 167 atópanse en municipios de entre 10.001 e 19.999 habitantes, o que representa o 23,42 % do total.
Atendendo á distribución por comarcas, a de Santiago é a que conta cun maior número de solicitudes concedidas con 197, o que supón 455.000 euros en axudas, seguida das comarcas de Barbanza e Bergatiños-Costa da Morte, cun total de 151 solicitudes concedidas cada unha delas e un importe total de 351.600 euros e 349.400 euros, respectivamente. Entre estas tres comarcas concéntranse o 70% das solicitudes concedidas.
Pode consultar a listaxe completa das solicitudes concedidas e denegadas na seguinte ligazón:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2023/07/18/2023_0000005899.pdf