A Deputación publica un libro para conmemorar o centenario das Escolas do Insiño Galego

A Deputación da Coruña publicará á volta do verán As Escolas do Insiño Galego, un libro co que a institución provincial pretende divulgar a iniciativa pedagóxica pioneira e excepcional que a Irmandade da Fala da Coruña puxo en marcha o 8 de xullo de 1923.

 Nesa data, a Irmandade da Fala da Coruña impulsaba un dos seus principais proxectos de futuro para Galiza, as Escolas do Insiño Galego. No baixo do número 17 da praza de María Pita, sede da asociación, firmábanse as bases dun plan educativo asentado en estudos e traballos previos, coma os do pedagogo pioneiro Xohán Vicente Viqueira, Vicente Risco, Victoriano Taibo e o editor e político Ánxel Casal, principal impulsor e alma do proxecto.

 

Tratábase dunha iniciativa docente anovadora, por reivindicar o uso do galego nas clases e no material pedagóxico, por formar os nenos no coñecemento da cultura propia, da fala, a arte e as tradicións como o principal medio para crear nas xeracións futuras unha “verdadeira conciencia galega”. Así se recolleu n’A Nosa Terra, o voceiro das Irmandades da Fala, que poucos días despois publicou as Bases das Escolas e comenzou unha campaña para lograr subscritores que mantivesen esa nova escola laica e gratuíta na que sementar o futuro de Galiza.

En abril de 1924 comezaban as clases das Escolas na praza de María Pita, con vinte alumnos matriculados e Ánxel Casal como docente, ao que logo se sumou Manuel Luis Acuña como mestre auxiliar e substituto.

No segundo semestre, as Escolas cambiaron de local e trasladáronse ao primeiro andar do 36 da Rúa Real, onde vivían Casal e a súa muller, María Miramontes, e onde tamén tiña sede a revista Nós, fundada por Casal e convertida en editorial en 1927. O proxecto incluía unha escola de rapazas, que ía dirixir a mestra galeguista Elvira Bao e que non chegou a funcionar porque Bao se tivo que ocupar dos pais enfermos.

Nas Escolas do Insiño Galego impartíronse clases até o remate do curso 1929-1930, cando Casal e Miramontes, apurados polas dificultades económicas que sempre os perseguiran, marcharon vivir a Compostela. Polas Escolas pasaron un cento de alumnos, que se formaron nese novo espírito de liberdade e conciencia cívica, unha forma de educación que quedaría definitivamente truncada co golpe franquista de 1936.

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …