O vindeiro luns, 10 de xullo, ás 10.00 horas, comezará na Casa da Cultura de Fene (avda. de Conces, 20-22) o reparto de invitacións para asistir ao espectáculo “Aquí tou!” que o actor e monologuista Xose Touriñán presentará en Fene o sábado 15, organizado pola concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
Entregaranse un máximo de 3 entradas por persoa ata esgotar as localidades dispoñibles. Dende a Concellería de Cultura lembran que a función, prevista para o día 15 de xullo, ás 22 horas, na praza do alcalde Ramón José Souto González, a carón da Casa do Concello, está recomendada para público adulto.
En “Aquí Tou!”, Touriñán fai un percorrido pola súa vida, dende a súa concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio. Momentos chave do seu camiño vital cos que, como galegos, todos nos sentimos identificados. Mesturando realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega, Touriñán lévanos da man pola súa vida cun monólogo no que conta e representa partes da súa vida, e da serie de boas e malas decisións que, xunto cos feitos casuais, levárono a ser que hoxe é.
Así, Touriñán tratará de dar resposta durante o espectáculo á nai de todas as preguntas: “Estou neste preciso lugar e neste mesmo momento polas decisións que tomei ou foi a sorte, a casualidade e o destino os que me trouxeron ata aquí?” Ao longo de máis dunha hora, Touriñán tentará respostar esta pregunta, e para iso fará un repaso da vida dos seus antepasados e da súa propia, animando ao público ao facer o propio e así, entre todos, tentar despexar a incógnita: “Si, aquí tou, pero… por que?”