O Concello de Ferrol convértese de facto na segunda sede do Festival Atlántica grazas aos once espectáculos que acollerá entre os días 4 e 8 de xullo.
Ademais, o concello de Mugardos repite este ano con dúas propostas, o que fará de Ferrolterra un epicentro da narración oral cun total de trece funcións gratuítas para grandes e cativos.
Esta intensa actividade é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e á colaboración dos concellos de Ferrol e Mugardos e mais do Centro de Interpretación de Caldoval.
A programación vai comezar o vindeiro martes, 4 de xullo, con dúas funcións do portugués Luis Correa Carmelo. A primeira, ‘Nin dúas nin tres… era unha e só unha vez’, será ás 18 horas na Biblioteca Municipal e está concibida para público infantil maior de 5 anos.
Un chisco máis tarde, ás 20.30 horas e no Centro Cívico de Canido, os adultos poderán gozar coas historias de ‘Contatinas’. O mércores 5 será a quenda do cubano Pedro Mario López, quen tamén contará para cativos (18 h, Biblioteca Municipal, ‘Do monte veño e ao monte vou’) e maiores (20.30 h, Capela C. Torrente Ballester, ‘Sen destinatario’).
O xoves 6 de xullo María da Pontragha protagonizará tamén un programa dobre. Ás 18 h, na Biblioteca Municipal, os nenos descubrirán que historias se agochan dentro de ‘Un saco de contos’ e ás 20.30 h, na Capela C. Torrente Ballester, serán os adultos os que coñezan quen son as ‘Donas do lugar’.
En canto ao venres 7, o Festival Atlántica programa tres actividades. A primeira, ás 17.30 horas na Biblioteca, vai ser o concerto sensorial para bebés ‘Son no berce’ de Cris Collazo. A propia Collazo recuncará ás 19 horas co espectáculo infantil ‘A corva’ no Centro Cívico de Canido, e a esa mesma hora comezará o ‘Roteiro polo Ferrol ilustrado’ con Guillermo Llorca.
Atlántica despedirase de Ferrol o sábado 8 de xullo con dous dos narradores galegos máis veteranos: Charo Pita (12 h, Centro Cívico de Canido, ‘Mares de conto’) e Cándido Pazó (21 h, Cruceiro de Canido, ‘Unha chea de contos’). Cómpre sinalar que aínda que todas as actividades son gratuítas, algunhas delas precisan reserva previa vía web ou retirada de convites. Toda a información ao respecto pódese atopar na web de Atlántica ou da Biblioteca Municipal de Ferrol.
Estrea absoluta en Mugardos
Pola súa banda, o Centro de Interpretación de Caldoval de Mugardos vai recibir o xoves, 6 de xullo, o espectáculo ‘Urdimbres’ de Pedro Mario López.
O venres 7 o enclave mugardés vai ser o escenario que acolla a estrea absoluta do espectáculo ‘Ida e volta’ do dúo ‘En branca e negra’ integrado pola galega Cris de Caldas e a cubana Amor Herrera. Ambas as dúas actividades serán ás 21.30 horas.
Algúns narradores: petiscos de arte
Luis Correia Carmelo. Este artista portugués emigrou a Brasil de neno e ao seu regreso comezou no mundo dos contos a estudar e recoller historias e músicas tradicionais. Hoxe en día é un dos grandes referentes da narración oral lusa e trae a Santiago un espectáculo onde o humor, o marabilloso e o cotián palpitan ao ritmo da súa concertina.
Pedro Mario López. Cubano, neto de galegos emigrado a Colombia. A súa fala desbordante, chea de retranca, engaiola con historias onde mestura a gran literatura coa tradición oral. Realismo máxico e humor no escenario.
María da Pontragha. Coñecida como María Iglesias na vida civil, a Pontragha é unha das voces máis persoais da nova narración oral galega. Nas súas contadas deixa clara a súa paixón pola tradición oral, tanto a través da música como da palabra en si. É quen de recuperar e actualizar as historias populares, atrapando ao público con sesións de contos que destilan un gusto especial polos que se centran nas mulleres do país.
Guillermo Llorca. Este profesor de instituto xubilado, namorado de Ferrol, atesoura máis de trinta libros, de autoría individual e compartida, e centos de artigos en numerosos xornais e revistas. No 2022 participou como coordinador local da exposición ‘Cidades no Tempo: Ferrol’.
Cris de Caldas e Amor Herrera. Cris, galega e branca coma o leite, é narradora oral. Amor, cubana e negra coma o café, é música profesional e escritora ocasional. Ambas as dúas xúntanse no espectáculo de narración oral e música en directo ‘Ida e volta’. Un convite para viaxar no espazo e no tempo a través de historias de migracións, sabedoras da importancia da riqueza da diversidade cultural e de non perder a memoria. Porque hai historias e contos que teñen billetes de ida e volta, coma a vida mesma.
Por toda Galicia… e Portugal
Os contos do Festival Atlántica vanse estar espallando por boa parte da xeografía galega ata o vindeiro 9 de xullo. Grazas ao esforzo conxunto das entidades que colaboran no festival, as máis de 90 actuacións desta edición chegarán ás 24 sedes repartidas polas catro provincias galegas.
Amais de Ferrol e Mugardos, este ano participan en Atlántica os concellos de Santiago de Compostela, Teo, A Coruña, Alfoz, Boiro, Brión, Carnota, Castro de Rei, Cuntis, Chantada, Dodro, Mondoñedo, Outes, Ourense, Paderne, Pobra de Trives, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, A Estrada, Sanxenxo e Vigo. A esta listaxe cómpre engadir a sede portuguesa de Pitões das Júnias, en Montalegre.
Toda a información sobre os espectáculos e os artistas do festival está dispoñible na web festivalatlantica.gal.
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista.
Ao seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano cos anos foise agregando a posta en valor e difusión de espazos patrimoniais do país e a clara vocación de levar espectáculos de calidade a cidades e vilas das catro provincias. O número e a calidade de artistas e propostas escénicas foi medrando ata convertelo nunha cita ineludible da narración oral da Península.
AXENDA FERROL
Martes 4 de xullo
18.00 h.- NIN DÚAS NIN TRES… ERA UNHA E SÓ UNHA VEZ de Luis Correia Carmelo (Portugal) Biblioteca Municipal | Público infantil (+5 anos) | Castelán e portugués
Inscrición vía web a partir do venres 30 xuño: https://www.ferrol.gal/biblioteca/form_inscricion.aspx?idActividade=13
20.30 h.– CONTATINAS de Luis Correia Carmelo (Portugal) Centro Cívico de Canido | Público adulto | Castelán e portugués Entrada libre
Mércores 5 de xullo
18.00 h.- DO MONTE VEÑO E AO MONTE VOU de Pedro Mario López (Cuba) Biblioteca Municipal | Público infantil (+5 anos) | Castelán
Inscrición vía web a partir do luns 3 xullo: https://www.ferrol.gal/biblioteca/form_inscricion.aspx?idActividade=14
20.30 h. SEN DESTINATARIO de Pedro Mario López (Cuba) Capela Centro Torrente Ballester | Público adulto | Castelán Retirada convites no Teatro Jofre a partir do 30 de xuño
Xoves 6 de xullo
18.00 h.- UN SACO DE CONTOS de María da Pontragha (Galicia) Biblioteca Municipal | Público infantil (+3 anos) | Galego
Inscrición vía web a partir do martes 4 xullo: https://www.ferrol.gal/biblioteca/form_inscricion.aspx?idActividade=15
20.30 h.- DONAS DO LUGAR de María da Pontragha (Galicia) Capela Centro Torrente Ballester | Público adulto | Galego Retirada convites no Teatro Jofre a partir do 30 de xuño
Venres 7 de xullo
17.30 h.- SON NO BERCE de Cris Collazo (Galicia) Biblioteca Municipal | Bebés (6-35 meses) | Galego
Inscrición vía web a partir do mércores 5 xullo: https://www.ferrol.gal/biblioteca/form_inscricion.aspx?idActividade=16
19.00 h. ROTEIRO POLO FERROL ILUSTRADO de Guillermo Llorca (Galicia) Saída da Biblioteca Municipal | Público adulto | Galego Inscrición previa na Biblioteca a partir do 30 de xuño ás 9 h (presencialmente / 981 944 182 / biblioteca@ferrol.es)
19.00 h.- A CORVA de Cris Collazo (Galicia) Centro Cívico de Canido | Público infantil (+3 anos) | Galego Entrada libre
Sábado 8 de xullo
12.00 h. MARES DE CONTOS de Charo Pita (Galicia) Centro Cívico de Canido | Público infantil (+3 anos) | Galego Entrada libre
21.00 h. UNHA CHEA DE CONTOS de Cándido Pazó (Galicia) Cruceiro de Canido | Público adulto | Galego Entrada libre
AXENDA MUGARDOS
Xoves 6 de xullo
21.30 h.- URDIMBRES de Pedro Mario López (Cuba)
Centro de Interpretación de Caldoval | Público adulto | Castelán
Venres 7 de xullo
ESTREA ABSOLUTA
21.30 h. IDA E VOLTA de EN BRANCA E NEGRA Cris de Caldas (Galicia) narración | Amor Herrera (Cuba) voz e música Centro de Interpretación de Caldoval | Público adulto | Galego e castelán