Preto dun millar de persoas nas “II Xornadas de seguridade” organizadas polo Concello de Narón

O concelleiro en funcións de Seguridade Cidadá, Román Romero, destacou o éxito da segunda edición das “Xornadas de Seguridade” organizadas polo Concello de Narón  en colaboración, entre outros, co equipo de Educación Viaria de Narón e o SPEIS. A convocatoria desenvolveuse en espazos públicos e instalacións municipais e contemplou actividades específicas para escolares de centros naroneses e tamén para persoal funcionario do Concello e abertas á cidadanía en xeral.

O pasado 22 de maio iniciábase a programación na praza do colexio Ponte de Xuvia con alumnado dos colexios de Piñeiros e Jorge Juan, aos que seguiron outros para escolares do Ponte de Xuvia, Ayala, Virxe do Mar, A Solaina, A Gándara, Santiago Apóstol, O Feal e do centro Nuestra Señora de Chamorro. Guiados por profesionais do SPEIS aprenderon a realizar trampas para as avespas velutinas e tamén a conduta PAS e a técnica de reanimación cardiopulmonar (RCP) e participaron en actividades nun espazo deseñado para ensinar técnicas de prevención e loita contra incendios.

A maiores da praza do colexio de Xuvia estas actividades, que remataron o 1 de xuño, desenvolvéronse na praza de Galicia, na da Gándara e nas instalacións do colexio do Feal, cunha duración en cada convocatoria de tres horas. Así mesmo, con cargo a estas xornadas tamén se impartiu un obradoiro para acompañantes de transporte escolar, no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, aberto á cidadanía e no que participaron numerosas persoas que recibirán un diploma acreditativo desta formación.

Obradoiros de primeiros, auxilios nos que se explicaron entre outros conceptos o soporte vital básico e o uso dun desfibrilador; e un obradoiro de seguridade infantil sobre os sistemas de retención, actuación en accidentes con bebés e nos casos de atragantamentos, entre outros, completaron esta segunda edición das “Xornadas de Seguridade”.

Romero destacou o éxito desta convocatoria, “na que se ofreceu información moi útil para o día a día a colectivos de diferentes idades” e agradeceu o traballo de todas as persoas que se implicaron para poder levar a cabo estas xornadas, entre elas o persoal do equipo de Educación Viaria, do SPEIS, da delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura e da empresa Ali Bebé, colaboradoras estas dúas últimas no evento.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …