O Concello de San Sadurniño licita a xestión da cantina da piscina

Ata o 27 de maio  estará aberto o prazo de presentación de propostas para a xestión da cantina da área recreativa de Currás durante a temporada estival de 2023 prorrogable tamén até a de 2024.

Trátase dun contrato que se adxudicará principalmente en base á oferta económica que se faga, o mínimo son 300 euros por todo este verán e o que vén, pero tamén valorando a ampliación do horario de apertura e a variedade e o prezo dos produtos que se ofrezan.

Os pregos completos e as follas normalizadas de presentación da proposta técnica e económica poden descargarse desde a Plataforma de Contratación co Sector Público do Concello de San Sadurniño.  

As condicións que deberá cumprir o adxudicatario ou adxudicataria da xestión son varias. A primeira refírese aos horarios de apertura, xa que a cantina terá que permanecer aberta este ano entre o 19 de xuño e o 11 de setembro, ambos os dous días incluídos e, como mínimo, entre as 15:00h e as 21:00h durante todo o período, así como das 11:00h ás 14:00h nos días en que se desenvolvan cursos de natación.

Os sábados, domingos e festivos días de maior afluencia de público, o horario mínimo será desde as 12 até as 21:00h Iso si, as licitadoras poderán ampliar o tempo de apertura o que consideren oportuno, previa autorización municipal, posto que é un criterio que os pregos valoran con ata 15 puntos.

Outro compromiso que se deberá adquirir é o de manter as instalacións en perfecto estado de limpeza. Un requisito que abrangue o espazo da cantina e dos aseos de uso común, ademais do baleirado de papeleiras e a recollida de refugallos da área recreativa separada das instalacións do vaso. Os vestiarios e o mantemento da zona de baño correrán por conta da empresa que xestione o servizo de piscina, vaso e socorrismo, durante o verán.

De cara á adxudicación do contrato tamén se valorará con ata 10 puntos a variedade de produtos ofertados a maiores da relación mínima esixida polo Concello, que recolle ata 21 artigos entre bebidas, bocadillos e petiscos. A Administración Local achega tamén prezos máximos de referenza que poderán verse rebaixados nas ofertas. De feito, reducir eses prezos supón ata 15 puntos na valoración. En calquera caso, a proposta que resulte adxudicataria deberá ter recollidos todos os produtos nunha lista de prezos e nunha carta redactada en galego, de acordo coa ordenanza de normalización lingüística.

A convocatoria tamén marca a encomenda de expender as entradas diarias na piscina -os abonos hai que solicitalos no Concello- e a obrigatoriedade de dispensar un trato cordial ás persoas usuarias. A contratista deberá poñer á súa disposición documentos de reclamación que, no caso de producirse,  será comunicada tamén ao departamento municipal de Deportes.

O aspecto valorable con maior peso específico no procedemento será o do canon que deberá satisfacer a empresa ou persoa autónoma adxudicataria da xestión. O Concello puxo un mínimo de 150€ por ano, 300 euros para o total da vixencia do contrato, que abranguerá o verán de 2023 e a súa prórroga ao de 2024,  e, a partir de aí, as candidaturas poderán subir o que consideren as súas ofertas económicas, tendo en conta que este apartado suporá 60 puntos no total da valoración.

As propostas técnicas e económicas poderán presentarse no Concello ata o día 27 de maio ás 23.59h. por medio dalgunha das fórmulas previstas na lei. A documentación pode descargarse desde esta ligazón da Plataforma de Contratación co Sector público.

Lea también

Valdoviño aprueba 50 ayudas de apoyo al estudio

El Ayuntamiento destinará una partida ligeramente superior los 7.000 euros a esta línea de subvenciones …