Uns 1.200 escolares participaron este venres 12 na décimo quinta edición da Marcha Ciclista Escolar organizada polo Concello de Narón, desde o equipo de Educación Viaria, con Pedro Caneiro e Sonia López, en colaboración coas Anpas dos centros de ensino.
Alumnado dos colexios naroneses Ponte de Xuvia, Jorge Juan, O Feal, o CRA, A Gándara Santiago Apóstol, Virxe do Mar, Ayala, A Solaina, Piñeiros, e do IES As Telleiras, ademais do centro de ensino Maciñeira de Neda, subíronse ás súas bicicletas pasadas as 10.00 horas para realizar un percorrido pola zona urbana e, en grupos, dirixirse cara ao paseo de Xuvia, onde repuxeron forzas cun bocadillo e auga.
Os escolares, de terceiro a sexto curso de Primaria e de primeiro da ESO, reagrupáronse no aparcadoiro do Pazo da Cultura e na rotonda de Freixeiro, para dirixirse xuntos a Xuvia, accedendo ao paseo pola rúa Xoán XXIII.
No percorrido estiveron acompañados por unha ampla representación dos pais dos escolares, integrantes das Anpas dos centros, e persoal do Moto Club Fojeteiros, do ximnasio Beny Gym, do club ciclista de Narón Clásicos BikeWorks. Persoal do Speis de Narón e axentes da Policía Local acompañaron tamén aos participantes nesta XV Marcha Ciclista Escolar.
Os escolares gozaron un ano máis dunha xornada programada co fin de promover o deporte e a vida saudable entre os menores, ao tempo que poñer en práctica todos os seus coñecementos en materia de seguridade viaria. Tras descansar un pouco e repoñer forzas, cun boliño e auga, puideron ver en Xuvia unha exhibición de calistenia para, sobre as 12.45 horas, recoller de novo as súas bicicletas para dirixirse nelas de regreso aos seus respectivos centros escolares.
“Quero agradecer a implicación de todas e cada unha das persoas que fixeron posible esta nova edición da Marcha Ciclista Escolar de Narón e, como non, aos escolares que dende primeira hora da mañá se subiron ás súas bicis e chegaron pedaleando ata Xuvia”, asegurou Ferreiro. A alcaldesa, que viu aos escolares xunto co edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, nun tramo do percorrido e á súa chegada a Xuvia, destacou o éxito de acollida que cada ano ten este evento, convocado cada ano antes do remate de cada curso escolar.