O Pazo do Piñeiro abre ao público polas Letras Galegas grazas á AIC

As xestións feitas pola Agrupación Instrutiva de Caamouco AIC permitirán a apertura ao público do Pazo do Piñeiro, situado no Outeiro de Barracido. Será nunha xornada histórica, no marco da Ruta das Letras Galegas, prevista para o vindeiro 21 de maio, organizada conxuntamente coa AVV de Limodre

A Xunta Directiva da Agrupación leva anos considerando preciso achegar o Pazo á veciñanza de Caamouco. «Unha misión que, máis alá de cuestións históricas e patrimonias, responde á necesidade de conectar as novas xeracións cun espazo ao que estiveron vinculadas por motivos varios os seus antepasados», apunta Dani García, presidente da Agrupación.

Con este obxectivo, a Agrupación enviou no pasado mes de marzo unha carta aos actuais propietarios do inmoble que, acto seguido, tiveron a ben recibir unha representación da Sociedade na Coruña. Nesa xuntanza, a Agrupación presentouse como unha entidade que vén avalada por décadas de intenso traballo a prol da dinamización social e cultural de Caamouco.

Ao mesmo tempo, trasladóuselles unha proposta concreta da iniciativa que se pretende desenvolver nesas instalacións neste mes de maio.

O encontro resultou máis que positivo. Por unha banda, a Agrupación conseguiu que o Pazo abra as súas portas para a actividade das Letras Galegas deste ano. Pola outra, adquiriu o compromiso dos seus propietarios para seguir traballando nesta liña de colaboración, coa posibilidade de desenvolver neste inmoble novas accións culturais no futuro.

O Pazo nas Letras Galegas

Para a conmemoración do Día Das Letras Galegas a Agrupación Instrutiva de Caamouco e a AVV de Limodre están a traballar nunha nova edición da ruta ‘Camiños das Letras’, que contou cunha resposta inmellorable na súa primeira edición celebrada o ano pasado.

Trátase dunha ruta teatralizada entre as dúas parroquias. Os actores da Tenencia Teatro, baixo a dirección de Eugenia Sanmartín, acompañarán os camiñantes por un percorrido co que se pretende poñer en valor o patrimonio histórico e cultural dos dous territorios. Este ano, o principal reclamo da ruta será o Pazo do Piñeiro, para onde se está a traballar nunha posta en escena moi especial.

Na actividade poderán participar un máximo de 80 persoas. O prazo de inscrición abrirá o vindeiro luns, 8 de maio, a través do número 616 74 02 05.

Lea también

Primeros ganadores de la campaña “En Valdoviño… adelantamos la Navidad”

La campaña de dinamización del comercio local «En Valdoviño… adelantamos la Navidad» ya tiene sus …