O PSOE celebrará a «Festa da rosa» o día 18, data aniversario do nacemento de Pablo Iglesias

«Ahora, máis que nunca, a defensa dos valores polos que loitou toda a súa Pablo Iglesias é de vital importancia”. Así comezou a súa intervención a candidata número 3 ao Parlamento, Beatriz Sestayo, que compareceu en rolda de prensa onte para dar a coñecer unha iniciativa promovida polo PSOE de Ferrol que nace agora, pero que terá continuidade ao longo dos anos: a Festa da Rosa, que nesta cidade, a do fundador do partido, estará profundamente vencellada á súa figura.

A candidata quixo deixar claro que a pesares do seu nome, a iniciativa xurde cun marcado espírito reivindicativo, “o mesmo que caracterizou a Pablo Iglesias  e que nestes momentos de recortes de dereitos fundamentais por parte do Partido Popular, é fundamental recuperar”. E qué mellor homenaxe ao fundador do PSOE que facer a Festa da Rosa que o día 18 de outubro, a data do seu nacemento. “Queremos destacar os valores que caracterizaron ao noso fundador e veciño, a ética, a verdade e a dignidade, tan lonxanos do que os Gobernos de Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo nos teñen acostumados”, manifestou Sestayo, que informou de que este ano a Festa servirá como peche de campaña electoral na cidade, se ben a data manterase no tempo “por ser a máis axeitada cos obxectivos cos que a iniciativa nace”.

A Festa da Rosa terá lugar en FIMO o xoves 18, a partires das 21.30 horas, e consistirá nunha cea e nunha serie de intervencións políticas. Tampouco faltarán as homenaxes –cada ano a agrupación local destacará a figura dalguna persoa vencellada ao socialismo na cidade-, aínda que Sestayo non quixo desvelar máis datos porque “queremos que sexan unha sorpresa”. Para esta primeira edición, está prevista a asistencia do candidato á Presidencia, Pachi Vázquez, así como do secretario xeral do PSM, Tomás Gómez.

As persoas interesadas en acudir a esta primeira Festa da Rosa poderán inscribirse no local de campaña dende mañá venres, tanto en horario de mañá como de tarde, ata dous días antes da cita. O prezo por persoa é de 15 euros e a cea consistirá en dous pratos e postre.

Lea también

El TSXG declara improcedente el despido disciplinario de un trabajador que abandonó su puesto de trabajo en el astillero sin avisar

Subraya que la conducta del demandante no supuso un riesgo para la plantilla ni causó …