Facilitar o acceso á vivenda, impulsar servizos para as crianzas e poñer o patrimonio a disposición da veciñanza, entre as prioridades do candidato.

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto público de presentación de Mon Fernández como candidato do BNG á Alcaldía de Ferrol nas eleccións municipais de 2027, no que afirmou que “Ferrol merece un cambio” e que a alternativa nesta cita coas urnas para que a cidade avance é a que representa o BNG con Fernández como alcalde.
“Ferrol merece máis e o BNG, con Mon Fernández á cabeza, é a alternativa para mobilizar e ilusionar a todas as persoas que queren un cambio real na cidade, a alternativa dunha maioría que pensa que outro Ferrol é posible”, afirmou no acto celebrado no Centro Cívico de Caranza.
A portavoz nacional indicou que para conseguir ese cambio necesario o Bloque presenta unha combinación gañadora: o seu modelo municipal de éxito e o liderado solvente dun candidato con capacidade, un profundo coñecemento da realidade ferrolá e que leva a cidade “na cabeza e no corazón”.
Neste sentido, avanzou que a formación nacionalista “vai a por todas” o próximo 23M, con humildade, pero coa máxima ambición para abrir un tempo novo en Ferrol cun proxecto transformador e de futuro que pon as persoas no centro.
Un proxecto, subliñou, que aposta por dereitos básicos como o da vivenda fronte á especulación, por uns servizos públicos fortes, pola cohesión social, por un urbanismo de calidade, polo impulso do tecido económico local e polo dinamismo cultural desde o orgullo ademais de ter unha lingua propia.
Pontón destacou neste punto o enorme potencial dunha cidade que conta con capacidade industrial e infraestruturas enerxéticas, traballadores e traballadoras que teñen máis que demostrado o seu bo facer, unha ría que só espera a súa recuperación integral para ser unha das máis produtivas de Galiza e un patrimonio arquitectónico e natural único que precisa dunha maior protección.
A líder nacionalista explicou que o BNG quere aproveitar todas estas capacidades para construír un Ferrol mellor e con futuro, desde a confianza e o optimismo que definen a candidatura e o proxecto que encabeza Mon Fernández. A portavoz nacional tamén puxo en valor o modelo municipal de éxito do Bloque -que exemplificou noutros concellos da comarca como Fene, San Sadurniño ou Moeche- que demostra a capacidade do BNG alí onde goberna para transformar en positivo a vida das persoas, xerando máis dinamismo económico, social e cultural, con concellos transparentes e democráticos onde todos os veciños e veciñas son tratadas por igual. “Ese modelo municipal de éxito é o que queremos trasladar a Ferrol”, concluíu Pontón.
Pola súa parte, Mon Fernández, apuntou na súa intervención algunhas das súas prioridades, a comezar por facilitar o acceso á vivenda. “Paréceme digno de estudo que un concello con 1.000 vivendas de propiedade municipal -100 delas tapiadas- e con 11.000 vivendas baleiras conseguira ter un problema de vivenda”, lamentou para denunciar a continuación que ademais en Ferrol, concretamente en Caranza, hai vivenda pública da Xunta e vivenda pública do Ministerio de Defensa que está pasando ao mercado privado.
“Esa vai ser unha das miñas prioridades, actuar para que Ferrol sexa unha cidade de acollida, onde unha persoa ou unha familia poida ter un proxecto de vida confortábel a prezos accesíbeis”, avanzou, logo de agradecer ao igual que a portavoz nacional a Iván Rivas a súa participación no acto e o traballo desenvolvido ao longo dos últimos anos como portavoz municipal.
De igual xeito, salientou a súa intención de poñer o patrimonio da cidade a disposición dos veciños e das veciñas, do que mostrou o seu convencemento que “moi maioritariamente queren conservar a súa cidade, non como está, en ruínas, senón como é, unha cidade amábel, unha cidade que pode ser o mellor lugar do mundo para vivir”, salientou.
Fernández tamén apuntou que o proxecto do BNG para a cidade quere facer da “prioridade infantil” outro dos seus sinais de identidade, con bibliotecas, campamentos, prazas e rúas públicas e actividades deportivas que faciliten a vida á xente que “quere vivir en Ferrol”.
Neste sentido, salientou que esta é precisamente unha das constantes dos gobernos BNG, polo que concluíu que, a partir de xuño de 2027, “no Concello de Ferrol declararemos a prioridade infantil”.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.