O Concello de Narón organiza a campaña «Merca en Narón» en colaboración coa Asociación de Comerciantes

A concelleira de Promoción Económica, Natalia Hermida, e a presidenta da Asociación de Comerciantes de Narón, Rocío Rodríguez, presentaron hoxe a campaña “Merca en Narón”, organizada polo Concello de Narón en colaboración coa ACN. A edil naronesa explicou que se trata dunha proposta dirixida ao pequeno comercio da localidade que se levará a cabo do 2 ao 12 de maio na cidade e para a que se poden inscribir os establecementos interesados dende mañá ata o mércores 26 de abril, incluído.

Os comercios que se sumen a esta iniciativa recibirán uns rasca e participa –repartiranse 34.000 unidades- que conteñen máis de 8.000 premios directos. Chaveiros, tarxeteiros, bolígrafos, chuvasqueiros, tazas, xogos de mesa, xogos de palas de praia, bosas reutilizables… forman parte deses premios. “Un de cada catro rascas que se repartirán ten premio e con cada un deles, cubrindo os datos persoais e depositándoos nas urnas que haberá nos comercios, participarase ao final da campaña no sorteo de dez viaxes valoradas en cen euros cada unha”, explicou Hermida.

A presidenta da ACN agradeceu ao Concello “a súa activa implicación e colaboración en todas as campañas que realizamos ao longo do ano” e realizou un chamamento á participación nesta última. Así mesmo, a edil de Promoción Económica destacou “a colaboración da Asociación de Comerciantes de Narón na difusión desta campaña e tamén noutras organizadas dende o Concello para contribuír á promoción do comercio local”. Hermida explicou que se optou por realizala no mes de maio “para facela coincidir no tempo con datas sinaladas, como o día da nai, para premiar á clientela que realice as súas compras na cidade”.

Para poder participar é preciso enviar un correo electrónico á dirección: me.mendez@naron.es , indicando no mesmo o nome e a dirección do establecemento participante, o da persoa de contacto, un número de teléfono e unha dirección de correo electrónico. Así mesmo, tamén se pode solicitar máis información sobre a campaña “Merca en Narón” chamando ao teléfono 981 337700 (extensión 1204).

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …