O Concello de Narón licita en 345.000 euros as obras de restauración da presa do muíño das Aceas e do Camiño do Peregrino

A alcaldesa da Narón , Marián Ferreiro, informou sobre a licitación das obras de restauración e rehabilitación da presa do muíño das Aceas e do Camiño do Peregrino, orzamentadas en 345.333 euros. Trátase dunha actuación que se cofinanciará ata nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 e enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas dispoñen de prazo ata o vindeiro 3 de maio, tal e como figura no procedemento en curso, dispoñible na Plataforma de Contratación do Sector Público.

A materialización do proxecto permitirá recuperar e poñer en valor a presa deste muíño de mareas, propiedade municipal dende o pasado ano e construido por Santiago Beaujardín e Juan Lembeye. “As obras que se acometerán inicialmente son as de consolidación para posteriormente centrarnos na restauración e rehabilitación do conxunto de edificios que o integran”, apuntou a alcaldesa. O acceso ao muíño é a través dun vial que coroa a presa e continúa polo Camiño do Peregrino, polo que entraba o grao que se moía no muíño e saía xa como fariña pola estrada de Castela.

Neste muíño conflúen o Camiño Inglés a Santiago de Compostela e o de Santo André de Teixido, que coincide co Camiño do Peregrino. Estes feitos, tal e como consta no proxecto, incrementan considerablemente o valor cultural e como recurso turístico do conxunto, actualmente enmarcado na liña de axudas europeas para Turismo activo na ría.

En canto ao Camiño do Peregrino, o obxecto da actuación aposta pola posta en valor dese vial que parte da marxe dereita da estrada de Castela e proporciona acceso ao paseo do borde litoral do estuario do río Freixeiro e tamén á presa do muíño de mareas das Aceas. A superficie sobre a que se actuará supera os 1.500 metros cadrados, tal e como figura neste proxecto.

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …