O naronés Manuel Rodríguez expón unha trintena de obras na biblioteca municipal

A biblioteca municipal de Narón acolle ata o vindeiro 29 de abril unha exposición de pintura do naronés Manuel Rodríguez Beceiro.

A mostra está formada por unha trintena de obras realizadas en diferentes técnicas e estilos e pode visitarse, tal e como indicou a edil de Bibliotecas, Mercedes Taibo, de luns a venres entre as 17.00 e as 20.00 horas e os sábados de 10.00 a 13.00.

O pintor naronés iniciouse na pintura no ano 2003 na casa das Palmeiras, en Neda, onde recibiu formación e participou nunha exposición conxunta de obras paisaxísticas. Bodegóns, animais, flores, e paisaxes están entre as temáticas das obras que se poden ver estes días na cidade.

Manuel Rodríguez formouse na disciplina de pictogravado, aínda que el mesmo recoñece que a súa técnica é principalmente autodidacta. A edil de Bibliotecas anunciou tamén a apertura, este martes 11, do prazo de inscrición na sesión de contacontos para bebés “Leo e as cores”, que terá lugar o vindeiro sábado, día 15.

A proposta diríxese a menores de entre 6 e 36 meses, que deben ter o carné da rede de Bibliotecas sen sancións pendentes. Leo é o león máis curioso da selva e un día unha choiva de pompas quitoulle as cores a un elefante e unha tartaruga amigos seus, polo que o león procurará axuda para devolverllas.

As inscricións poden tramitarse de xeito presencial na Biblioteca ou chamando ó número de teléfono 981 382 173

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …