A concelleira de Educación, Mercedes Taibo, anunciou a celebración de seis novas actividades do programa Apego, a través do Servizo de Normalización Lingüística de Narón, entre os meses de abril e xuño deste ano. Taibo explicou que todas as actividades son de balde e desenvolveranse os días indicados ás 18.00 horas no Centro Cívico Social do Alto do Castiñeiro e recalcou que é precisa inscrición previa a través do correo a.pita@naron.es .
A edil naronesa avanzou que este mesmo mes haberá unha proposta de xogo libre para bebés de 1 a 3 anos, “Provocacións”, o día 13 de abril e un espectáculo de experimentos científicos, “Toupiciencia”, o día 20, para menores de 4 a 6 anos. A primeira das actividades permitirá ás nenas e nenos xogar con materiais reciclados ou naturais como cartóns, papeis, madeira, follas, teas… motivándoos a explorar e aprender xogando. No caso de “Toupiciencia”, serán a Toupiña e o seu axudante Protonio os que tras descubrir a ciencia que se fai en Galicia busquen a persoas científicas do futuro explorando con divertidos experimentos.
No mes de maio, o día 4 representarase a obra de teatro para bebés “Leo e as cores”, para menores de 6 meses a 4 anos. O león máis curioso de toda a selva, de nome Leo, vivirá unha serie de aventuras acompañado por outros animais no que as cores serán as protagonistas. O día 25 haberá unha sesión de narración oral conmemorativa do Día das Letras Galegas, “Unha galaxia chea de Letras Galegas”, para nenas e nenos de 4 a 6 anos e que realizará un percorrido no espazo e no tempo pola traxectoria vital de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado este ano.
O día 1 de xuño programouse un novo espectáculo de narración oral para bebés de 6 meses a 3 anos, “Cinco ratiños de conto”, ambientada na aldea do queixo fresco, na que os ratiños cantan cancións e escoitan divertidas historias que captarán a súa atención. Finalmente, pechará a programación deste trimestre o 15 de xuño o espectáculo “Peor imposible”, con circo, malabares, humor e clown para público familiar he pensado para nenas e nenos de 3 a 6 anos. As aventuras de Peter Punk, un pallaso, fanlle afrontar unha serie de problemas pero estará disposto a todo pola risa do público.
Para inscribirse é preciso enviar un correo electrónico á dirección indicada neste mail e indicar o nome da actividade na que desexa participar, o nome e idade da nena ou neno, o do pai, nai ou persoa que o acopañaría, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. A participación será por orde de inscrición e cada unha das actividades está limitada á participación de 25 menores, que como mínimo estarán acompañados por unha persoa adulta.