O programa de visitas guiadas ao muíño de Xuvia impulsado dende o Concello de Narón rematará este domingo 2 de abril. Así o recordou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que indicou que as persoas que o desexen poderán percorrer o interior da construción mañá e o domingo, nas quendas que terán lugar entre as 16.30 e as 20.30 horas. “Queremos ofrecer á cidadanía a oportunidade de ver os traballos de rehabilitación que se levaron a cabo no último ano, tal como se fixo a pasada semana, cando visitaron o muíño un total de 633 persoas”, apuntou Ferreiro.
As persoas que se acheguen ao muíño entrarán por orde de chegada, en quendas dunhas vinte persoas e realizarán un percorrido de aproximadamente vinte minutos. Ao entrar poderán ver un vídeo no que se resumen os traballos realizados dende o inicio da actuación ata o remate da mesma, recibirán dípticos informativos e despois, acompañados por unha guía turística coñecerán a historia desta importante edificación e tamén as diferentes estancias habilitadas no interior.
Esta actuación estivo cofinanciada pola Deputación da Coruña e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 e enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.
O muíño de Xuvia, un conxunto do século XVIII formado polos dous muíños e a vivenda da familia Lestache e unha construción anexa con dúas vivendas máis integran o conxunto que loce actualmente renovado, coa pedra, a madeira e o cristal como elementos básicos para a súa recuperación. As tarefas de musealización do muíño, que suporán un desembolso de 240.000 euros, cofinanciados neste caso polo Feder e o Concello de Narón, están xa adxudicados. Esta actuación permitirá dotar á construción de murais da factoría, mapas ilustrados, recreacións de muíños, espazos informativos e outros elementos, e será o paso previo á apertura ao público das instalacións.