Preto dunha trintena de alumnas e alumnos do CPR Ayala desprazáronse este venres 17 de marzo ao Concello de Narón para participar na iniciativa de visitas guiadas que se enmarca no programa municipal de Recursos Educativos de Apoio á Escola. Coa visita de hoxe remataron as programadas para este curso dende o Servizo Sociocomuntiario Municipal, que permitiron a uns 200 escolares participar nesta convocatoria e coñecer as instalacións e o funcionamento da administración local.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, recibiunos no salón de plenos, onde os escolares se interesaron por saber onde vivía, os seus hobbies, a súa comida e película favoritas, algunhas anécdotas do seu traballo, o seu horario… entre outras curiosidades. Aproveitando a súa estancia no Concello, o alumnado, que estivo acompañado por unha docente do centro, visitou tamén as instalacións da Policía Local e do Arquivo municipal.
As visitas deste programa lévanse a cabo con alumnado de educación Infantil e Primaria e tamén dende o Consistorio se convocan anualmente para os escolares outras ás instalacións do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Narón (Speis), ao Centro de Recursos Solidarios e á Biblioteca Municipal.