O Concello de Narón licita en 211.000 euros melloras de seguridade viaria na rúa da Garda

O goberno local de Narón destinou unha partida de 211.399 euros ao proxecto que permitirá materializar importantes melloras de seguridade viaria na rúa A Garda, na zona do Alto do Castiñeiro.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, lembrou que se trata dun vial executado hai quince anos “que a día de hoxe é unha das principais vías de acceso á cidade, conectando a rede principal de entradas pola autoestrada e autovía e tamén con saída ao centro urbano pola estrada de Castela”. “A actuación forma parte dun plan integran de melloras de accesibilidade e infraestruturas municipais que estamos a levar a cabo e enmárcase nas actuacións do Plan de Movilidad Urbana Sostible (PMUS), a través do que se aposta por mellorar a accesibilidade dos peóns e, ao mesmo tempo, da circulación rodada” destacou Ferreiro.

As obras proxéctanse no tramo inicial da rúa A Garda, entre a estrada de Castela e a rúa Santa Tegra. O vial localizado nese tramo, de algo máis de 20 metros de ancho, é na actualidade unha das vías principais do núcleo urbano de Narón, próximo as importantes zonas residenciais e servizos como o Concello ou o centro de saúde, entre outros. “A humanización desta zona permitirá garantir a seguridade dos peóns, coa mellora das beirarrúas e da iluminación e a ampliación da zona peonil, que pasará a ter case o dobre de ancho”, explicou a alcaldesa.

A maiores, os traballos previstos, tal e como indicou Ferreiro, completaranse coa renovación da rede da recollida de pluviais en ambas as marxes do tramo, a redución do espazo para os vehículos e a plantación de especies arbóreas para crear un pequeno bulevar. A alcaldesa explicou que se crearán percorridos seguros para os peóns que se dirixan aos pasos de peóns localizados no tramo, que contarán con espazos seguros de espera. Así mesmo, melloraranse os futuros accesos aos garaxes e zonas comerciais, recolocarase parte da iluminación, repavimentarase o vial e crearanse pequenos xardíns con céspede e flores para a plantación de especies como prunos, de crecemento lento. O acondicionamento de pequenos espazos verdes en zonas de final de beirarrúas, que tamén se dotarán con prunos, e a colocación de papeleiras, bancos e sinalización horizontal e vertical completarán esta intervención.

A rexedora local indicou que as empresas interesadas en executar este proxecto dispoñen de prazo ata o día 28 deste mes para presentar as ofertas no Concello e avanzou que o prazo de execución dos traballos está fixado nun máximo de catro meses. “A nosa aposta por avanzar na humanización da cidade lévannos a impulsar proxectos como o da rúa A Garda, que experimentará un cambio importante e necesario e que reverterá en melloras para a seguridade viaria na zona”, destacou Ferreiro.

 

 

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …