Unha trintena de escolares de Ferrol participa nunha nova edición do Club de Debate

IES Saturnino Montojo

O Concello de Ferrol participa un ano máis no Club de Debate Alingua, unha actividade que este ano desenvolve a súa XI edición e que tamén se celebra en municipios como Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Teo, Ames, Carballo, Negreira, Santa Comba e Dodro. Ferrol participa con tres equipos de 10 alumnos e alumnas cada un (o número máximo de membros por equipo) dous do IES Canido e un do IES Saturnino Montojo. (30 alumnos/as e 4 profesores/as)

Nesta edición inscribíronse en total 16 equipos, que participarán nunha fase previa que terá lugar no Concello de Teo os días 21 e 24 de abril. Un total de 6 equipos pasarán á fase final, que terá lugar a comezos do mes de xuño en Bertamiráns.

O tema de debate elixido para a fase previa é ‘Somos menos sociais coas redes sociais’. Todos os equipos deben ofrecer dous debates e defender dúas posicións, unha a favor e outra en contra respecto do tema. O venres 24 de febreiro celebraron unha xornada de formación na capela do centro municipal Torrente Ballester para coñecer a fondo o regulamento, ensaiar e empezar a preparar a fase previa.

O Club de Debate Alingua é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade —alumnado de 3o e 4o de ESO, 1o de bacharelato ou dos ciclos formativos que comprendan as mesmas idades en equipos mixtos e compostos por un mínimo de 4 e un máximo de 10 membros mais a persoa preparadora— e organizado por varios concellos galegos coa colaboración dos centros de ensino secundario. Desenvólvese como un torneo por equipos, con debates dous a dous nunha fase de zona e outra final, nas que todos teñen que preparar e defender dúas posicións respecto ao tema proposto, a favor e en contra. Entre os obxectivos está favorecer o uso do galego oral en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia que se xera).

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …