A mancomunidade valoriza preto do 60% dos residuos voluminosos xestionados no primeiro ano do servicio

O servizo, prestado por Coregal desde xuño de 2025, xestionou máis de 3.000 toneladas de residuos, das que o 59,16 % se destinou á valorización, contribuíndo á economía circular e á protección do medio ambiente.

Servizo de xestión de residuos de voluminosos prestado pola empresa Coregal á Mancomunidade

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiu o pleno deste organismo supramunicipal, no que se presentou o balance do primeiro ano de funcionamento do servizo de xestión de residuos voluminosos, prestado por Coregal desde xuño de 2025.

Os resultados deste primeiro exercicio reflicten a importancia de contar cun sistema específico para a recollida e o tratamento deste tipo de residuos, que, polas súas dimensións e características, requiren unha xestión diferenciada. A través deste servizo, os concellos da Mancomunidade (Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda  Valdoviño) avanzan cara a un modelo máis eficiente e sostible, que favorece a recuperación de materiais, reduce a cantidade de residuos destinados á eliminación e impulsa oa proveitamento dos recursos.

Neste período anual as cantidades totais xestionadas foron de 3.021.850 quilos de residuos, equivalentes a máis de 3.000 toneladas. Desta cantidade, o 59,16 % foi valorizable, o que permitiu recuperar materiais e darlles unha nova utilidade dentro do ciclo produtivo. A distribución dos materiais valorizados foi: 48,05% de madeira, 3,98% metais, 3,93% residuos de aparellos eléctricos e electrónicos RAEE e 3,20% plásticos.

Estas cifras poñen de manifesto o potencial da recollida selectiva para transformar residuos en recursos. A recuperación da madeira, metais, plásticos e dos compoñentes dos aparellos eléctricos e electrónicos permite reducir o consumo de materias primas virxes, aforrar recursos naturais e minimizar o impacto ambiental asociado á fabricación de novos produtos.

No caso dos RAEE, ademais, unha xestión axeitada resulta especialmente importante para garantir o tratamento correcto dos seus compoñentes e evitar que substancias potencialmente contaminantes poidan afectar o medio.

No referido a análise por concellos, Ferrol, Narón e Fene son os municipios que xestionan maior cantidade de voluminosos, resultado tamén dunha maior poboación. Así mesmo, Cabanas, Neda e Valdoviño serían os concellos con maior índice de residuos por habitante.

Estes datos permiten coñecer mellor os hábitos de xeración de residuos no territorio e constitúen unha ferramenta útil para orientar futuras accións de información, sensibilización e mellora do servizo, adaptándoas ás necesidades específicas de cada concello.

Desde a Mancomunidade e Coregal- centro especial de emprego de iniciativa social promovido por COGAMI, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade- valoran positivamente os resultados acadados neste primeiro ano, tanto polo volume de residuos xestionados como pola porcentaxe de materiais susceptibles de valorización. O balance confirma a relevancia da colaboración entre as administracións locais e as entidades especializadas para avanzar cara a unha xestión responsable dos residuos.

Lea también

Buscan a una mujer de 71 años desaparecida desde el pasado miércoles en Ferrol

La Asociación SOS Desaparecidos ha pedido la colaboración ciudadana para dar con el paradero de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *