O BNG de Narón leva a pleno dúas mocións

O BNG de Narón presenta, para o seu debate en pleno, dúas mocións nas que instan ó goberno municipal á recuperación das fontes e lavadoiros do territorio do concello e a creación dunha mellora na contorna do Río Xuvia ó seu paso por Pedroso, Doso e Xuvia.

«Son moitos os mananciais existentes en todo o concello e hai un bo número de fontes e lavadoiros que antes empregaba a veciñanza para lavar a roupa e tamén para recoller a auga que levaban ás casas». «Estes elementos singulares da arquitectura popular atópanse esquecidos polo goberno municipal tanto na súa estrutura como na súa contorna e accesos, o estado de abandono no que se atopen impide chegar ata eles».

Para o BNG de Narón «é de relevante importante a recuperación, rehabilitación e posta en valor destas fontes e lavadoiros polo seu significado na memoria etnográfica e na vida das mulleres», por iso insta ó Goberno Municipal «á limpeza dos accesos e viais ás mesmas, á súa recuperación e rehabilitación e á colocación de indicadores de localización, paneis informativos, de potabilización…» e tamén reclama e a Augas de Galicia «o saneamento dos regatos e cursos de auga que pasen ó seu carón»

Por outra banda, o BNG de Narón reclama «melloras nas andainas e camiños que, aínda que moitas delas pertencen a rutas de sendeirismo, necesitan ser melloradas en limpeza e accesibilidade para que todos os naroneses poidan desfrutar delas con total seguridade». «Neste sentido non se poden perder as contornas dos ríos no rural como pode ser a área recreativa de Sedes e a contorna do Río Xuvia ó seu paso polas parroquias de Pedroso, Doso e Xuvia. Isto pon en valor o rural de Narón», afirma a formación

«Para iso solicitamos a aprobación en pleno por parte da corporación municipal da creación dun proxecto, por parte do goberno municipal, que contemple unha senda ciclista na contorna do Río Xuvia perdurable no noso Concello que se una á senda de 2,2 km que une xa Freixeiro, Piñeiros e Xuvia, e que estea adaptada para todas as persoas; a creación dunha senda ciclista nunha zona verde, e melloras no área recreativa na contorna do local social de Sedes» conclúen

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …