Este xoves Narón acolle un acto de lectura pública da obra de Rosalía de Castro

O Concello de Narón súmase un ano máis á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para homenaxear á poetisa galega Rosalía de Castro.

O Día de Rosalía, o vindeiro xoves 23 de febreiro, no que se conmemora o seu nacemento en 1837, terá un acto propio na cidade que consistirá nunha lectura pública da súa obra o día 25 de febreiro ás 12.00 horas na Biblioteca municipal.

Así o avanzou a concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, que explicou que tamén se entregará un caravel vermello ás persoas que o día 23 leven en préstamo unha obra en lingua galega en calquera dos tres dispositivos bibliotecarios municipais.

A planta baixa da Biblioteca será o escenario do acto da lectura pública da obra de Rosalía de Castro, no que participarán a alcaldesa, Marián Ferreiro e a concelleira de Cultura, Olga Ameneiro.

No transcurso do acto a mestra Julia Rodríguez, nomeada Muller do Ano en Narón en 2020, será a persoa encargada de ler o manifesto do Día de Rosalía, redactado por Came Adán e que se lerá en todos os actos promovidos pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e outras entidades que se sumen á celebración desta data.

O acto está aberto a todas as persoas que desexen participar, que poden levar os seus textos para ler elixidos ou coller algún dos que se seleccionarán e porán a disposición na Biblioteca durante ese día. A maiores, oito librarías da cidade tamén agasallarán cun caravel vermello o día 23 ás persoas que adquiran un libro en galego, participando os establecementos: Day, Nova, Contos, Nany, Merche, Albatros, Fina e Pasapáxina.

“Recuperamos este acto na súa modalidade presencial despois de dous anos nos que mantivemos esa homenaxe adaptándonos á situación derivada da pandemia, editando uns vídeos que os veciños nos fixeron chegar coa lectura de textos de Rosalía”, recordou Taibo.

A edil naronesa animou ós veciños a acudir a esta convocatoria para rendir un ano máis unha merecida homenaxe á nosa poetisa máis universal.

Lea también

Aparece en un río de Narón el cadáver de un hombre de ochenta años de edad

Los Bomberos de Narón han rescatado en el río Santa Cecilia,-Freixeiro, en la parroquia de …