Charla en Narón sobre servizos sociosanitarios para o dano cerebral adquirido

O concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, anunciou que o vindeiro venres, día 13 de xaneiro, terá lugar unha charla sobre servizos sociosanitarios de proximidade para o daño cerebral adquirido.

A convocatoria xorde en base a unha colaboración do Concello de Narón coa Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), co fin de sensibilizar á poboación e dar a coñecer a realidade das persoas con daño cerebral, ó tempo que axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.

A convocatoria, que é aberta á cidadanía en xeral, terá lugar ás 17.30 horas no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros (rúa María Casares, s/n) da cidade. No transcurso da sesión presentaranse os servizos sociosanitarios de proximidade para a atención ó colectivo do dano cerebral adquirido que a Federación impulsa a través do proxecto Rumbo.

O ‘Proxecto Rumbo: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva’ é unha iniciativa colaborativa desenvolvida entre distintas confederacións do Terceiro Sector da discapacidade (COCEMFE, ASPACE, PREDIF, FEDACE e AUTISMO ESPAÑA).

O obxectivo é impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e a vida independente das persoas con discapacidade, especialmente aquelas con maiores necesidades de apoios, mediante a combinación de servizos e recursos que poidan facilitar unha forma de vida inclusiva na sociedade en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.

Este proxecto conta coa participación de 22 entidades destas confederacións repartidas en cinco comunidades autónomas. Así mesmo, ofreceranse nocións sobre identificación, prevención e abordaxe do dano cerebral adquirido.

O Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 financian esta convocatoria e o proxecto Rumbo con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno central, ligado á súa vez aos fondos Next Generation EU da Unión Europea.

Lea también

Charla en Narón para orientar as familias no acceso ao segundo ciclo de Educación Infantil

Este mércores 11 de febreiro, ás 17.00 horas, o Auditorio Municipal de Narón, situado na …