A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Promoción Económica, David Pita, entregaron este xoves día 5 de xaneiro xunto con Rocío Rodríguez e María Yáñez, presidenta e vogal, respectivamente, da Asociación de Comerciantes de Narón, os catro vales da “Campaña de Nadal Comercio de Narón”.
Os vales de 600 euros foron para Dolores Mariño, veciña de Ferrol, e para Emilia Cagiao, de Narón, se ben os de 400 euros foron para as tamén naronesas Verónica Rañal e Otilia Miragalla. Ferreiro e Pita felicitaron ás gañadoras e agradecéronlles que apostasen polo comercio local para as súas compras. Así mesmo, destacaron o papel da Asociación de Comerciantes de Narón, que un ano máis colaborou co Concello nesta campaña.
As persoas que gañaron estes vales realizaron as súas compras nos establecementos Pasapáxina, Din&Don, Mercería Lazos, Eternal, Franja, Calzados Mara, Eiranova e Alimentación Juana. Un total de 77 comercios da cidade adheríronse este ano á campaña, a través da que se aposta por fomentar as compras nos establecementos da localidade. Os premiados terán agora medio día, en horario de mañá ou tarde, para gastar os vales, que como mínimo deben canxearse en tres comercios que participaron na campaña.
Os días nos que realizarán as compras, serán o 12 e o 13 de xaneiro, xornadas nas que os recollerá ás portas do Concello un vehículo de alta gama cunha persoa que os acompañará durante o percorrido ata esgotar o importe dos seus vales.
A través desta mesma campaña, iniciada en decembro do pasado ano, tamén se entregaron catro cestas con produtos de Nadal e catro bonos nun hotel spa para dúas persoas cunha noite de aloxamento.
Dende o Concello destacaron a elevada participación nesta campaña e animaron ós veciños a continuar mercando no comercio local “cunha gran variedade de produtos e servizos de calidade e unha atención moi persoalizada”