Todo está preparado para recibir este xoves, día 5 de xaneiro, ós Reis Magos de Oriente na cidade de Narón.
Ás 17.30 horas sairán da praza do Colexio de Xuvia nas súas carrozas, acompañados por unha gran comitiva formada por unhas 400 persoas e cos paxes que os acompañarán no percorrido ata a praza de Galicia, donde se prevé a súa chegada sobre as 19.30 horas.
Alí serán recibidos pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e integrantes da corporación local, e posteriormente reuniranse cos nenos. O percorrido deseñado para a Cabalgata por un tramo da estrada de Castela, dende Xuvia ata o Alto, será un novidoso espectáculo artístico pensado para Narón.
“A viaxe máxica. Cabalgata de Reis de Narón” estará formada polas carrozas nas que irán os Magos de Oriente cos seus paxes, nenos de Narón e acompañantes adultos. A carroza do Carteiro real acompañado dos heraldos irá abrindo a comitiva na que os máis rezagados poderán entregar a súa carta ós Reis Magos.
Irá seguida das carrozas reais das Súas Maxestades: Melchor Gaspar e Baltasar, e tamén das da Maruxaina (un persoaxe da cultura popular galega), o Crebanoces, que é un espectáculo típico das datas do Nadal e a do Carboeiro real que especialmente compuxo para esta ocasión dúas cancións para os nenos e nenas da cidade.
Todo o conxunto estará acompañado por unha comitiva real composta por artistas, actores de moitos lugares do mundo, espectáculos de danza, música e maxia. A Banda de gaitas do Padroado da Cultura de Narón, a Escola de Baile de salón do Padroado e a Xove Banda de Narón da Asociación Cultural Musical Sementeira, amenizarán a chegada á cidade de Melchor Gaspar e Baltasar.
Dende o Concello recordouse que o citado xoves pola tarde haberá restricións ó tráfico rodado ó paso da Cabalgata pola estrada de Castela. Así mesmo, animouse ós veciños da cidade e doutros concellos a achegarse á zona pola que discurrirá a Cabalgata e tamén á praza de Galicia para desfrutar dos variados e novidosos espectáculos e da chegada dos Magos de Oriente a Narón.