Máis de catrocentas persoas participan no espectáculo artístico que acompaña ós Reis Magos na Cabalgata de Narón

 
O vindeiro 5 de xaneiro os Reis Magos de Oriente saudarán ós nenos da cidade de Narón. A alcaldesa, Marián Ferrreiro, e a concelleira de Festas, Natalia Hermida, presentaron este  venres, día 5 de decembro “A viaxe máxica. Cabalgata de Reis de Narón”
 
“Un espectáculo artístico de gran formato no que participarán preto de catrocentas persoas que acompañarán ás Súas Maxestades Reais unha vez que cheguen a Xuvia, dende onde sairán ás 17.30 horas da praza do Colexio arroupados dunha comitiva real composta por artistas, actores de moitos lugares do mundo e nenos” avanzou Ferreiro, indicando que durante o percorrido tamén haberá espectáculos de danza, música e maxia.
 
 
Unha vez cheguen os Reis Magos e a súa comitiva á praza de Galicia dará comezo a recepción institucional, presidida pola alcaldesa. Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán un ano máis dende Oriente ata a Narón para saudar persoalmente ós nenos.
 
“A viaxe máxica” a dos Reis Magos e os seus heraldos reais foi fruto das longas conversas institucionais para que esta visita oficial fose posible. A comitiva real estará composta por sete carrozas máxicas, as que percorrerán un tramo da estrada de Castela, dende Xuvia ata a praza de Galicia, amenizadas con espectáculos máxicos, de animación e de fantasía para o desfrute dos nenos
 
A carroza do carteiro real acompañado dos heraldos irá abrindo a comitiva real para que os máis rezagados poidan entregar a súa carta ós Reis Magos e a continuación irán as carrozas reais das Súas Maxestades: Melchor Gaspar e Baltasar, que encherán de ilusión ó seu paso ós máis pequenos.
 
Tamén se poderá ver a carroza da Maruxaina (un persoaxe da cultura popular galega), o Crebanoces, que é un espectáculo típico das datas do Nadal e a carroza do Carboeiro real que especialmente compuxo para esta ocasión dúas cancións para os nenos de Narón.
 
Así mesmo, a Banda de gaitas do Padroado da Cultura de Narón, a Escola de Baile de salón do Padroado, a Xove Banda de Narón da Asociación Cultural Musical Sementeira, actuarán para dar a benvida á cidade ás Súas Maxestades Reais: Melchor Gaspar e Baltasar.
 
Dende o Concello agradeceuse a implicación de todo o persoal que fará posible que este gran espectáculo artístico se celebre na cidade, e tamén o labor tanto da Agrupación Deportiva e Cultural Bombeiros Narón como do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis), Protección Civil e Policía Local, que acompañarán á comitiva real na súa viaxe pola estrada de Castela.
 
Así mesmo, animouse ós veciños a presenciar esta Cabalgata e os espectáculos, que se poderán ver dende o traxecto de Xuvia ata o Alto e tamén da recepción posterior na praza de Galicia.
 
A programación de Nadal que pechará coa Cabalgata continuará esta fin de semana, concretamente o día 1 co lanzamento de fogos de artificio e coa festa de Fin de Ano, baixo unha carpa na Praza de Galicia dende as 01.00 horas, coa actuación do DJ Josi da Graver e a Orquestra Origen. A entrada é de balde e haberá tamén estacionamento de balde baixo a praza de Galicia, no baixo do Centro Comercial Narón, ata completar a capacidade.
 
En xaneiro continuarán tamén os Poboados de Nadal, que se poderán visitar na praza da Gándara ata o 5 en horario de 17.00 a 20.00 horas. Así mesmo, os días 2, 3 e 4 na praza de Galicia haberá, nese mesmo horario, contacontos educativos, obradoiros de decoración (de cartas, galletas, bolsas de papel, brochetas de doces…), xogoteca, xogos populares e musicais… todas estas propostas, de balde

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …