Fogos de artificio en Narón e festa de Fin de Ano na praza de Galicia

A programación de Nadal continúa esta semana na cidade de Narón cos Poboados de Nadal, que cada tarde abren as súas portas de 17.00 a 20.00 horas na praza da Gándara e as actividades que se convocaron nese mesmo horario e ubicación.

Este luns, día 26 de decembro ás 17.30 horas poderase ver o espectáculo de marionetas “O galo Quirico e os seus amigos” e tamén haberá ás 18.30 un concerto de acordeóns folk da Escola Bellón Maceiras.

Na xornada deste martes, día 27 de decembtro, será o turno de Carlos Quintá, que dará un concerto ás 17.30 e a continuación haberá un obradoiro de marionetas de papel.

O mércores 28 ás 17.30 terá lugar un obradoiro de pinturas co artista Leandro Lamas; o xoves 29 actuará ás 18.00 o Quinteto do conservatorio de Metales e o 30 deste mes ás 17.30 horas pechará a programación unha exhibición da escola de baile Un Paso Adelante (UPA). Así mesmo, continúa operativo o Navitrén, unha iniciativa impulsada un ano máis polo Concello e a Asociación de Comerciantes de Narón

Dende este luns 26 ata este venres 30 deste mes polas mañás realizará un percorrido entre o Concello e Xuvia e polas tardes dende o Concello ata A Gándara. Os tickets entréganse nos comercios adheridos á Asociación de Comerciantes de Narón e tamén se poden adquirir, a un prezo dun euro, nunha caseta instalada nas inmediacións da estrada de Castela, á altura do Concello, dende donde sae o Navitrén. Os horarios de saída son ás 12.00 e 13.00 horas polas mañás e ás 16.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas polas tardes.

Un elfo e un contacontos amenizan o percorrido ós nenos durante as viaxes. Este xoves tamén terá lugar o concerto de Fin de Ano, no que actuarán a Xove Banda de Narón e a Banda Infantil da Asociación Cultural Musical Sementeira. A cita será un ano máis no Pazo da Cultura, a partir das 19.30 horas e as entradas poden adquirirse a un prezo de dous euros no despacho de billetes do Pazo da Cultura.

A música regresará ó Pazo o venres 30 para pechar a programación anual co concerto de música folk-tradicional de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, que interpretarán temas do álbum “As catedrais silenciadas”. O concerto comezará ás 20.30 horas e as entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura, a un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para aboados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante.

Finalmente, o día 1 de xaneiro, ás 01.00 horas haberá unha gran sesión de pirotecnia dende as inmediacións da praza de Galicia e unha vez rematada dará comezo a Festa de Fin de Ano, baixo unha carpa instalada na citada ubicación.

A entrada é de balde e actuarán o DJ Josi da Graver e a Orquestra Origen. En colaboración co Centro de Recursos Solidarios dende o Concello organizouse unha campaña para recoller xoguetes novos, usados en bo estado e doces de Nadal para entregar ás familias máis desfavorecidas. Esta semana procederase a empaquetar os xoguetes para que os nenos destas familias teñan tamén agasallos no día de Reis.

Dende o Centro de Recursos Solidarios solicitan colaboración da cidadanía para clasificar e empaquetar durante esta semana os xoguetes, debendo as persoas interesadas inscribirse chamando ó teléfono 881 30 83 49 ou 634 555 663  de 10.00 a 13.00 horas ou escribindo un correo electrónico á dirección: crsnaron@gmail.com

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …