A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, entregou este xoves, día 22 de decembro, os diplomas do obradoiro municipal “Conéctate á rede”, dirixido a persoas maiores.
Un total de 72 persoas inscribíronse nesta actividade a través da que recibiron formación básica de manexo de teléfonos móbiles intelixentes, tal e como recordou Ferreiro. Unha parte do alumnado desprazouse ó Concello para recibir os diplomas que acreditan que remataron os obradoiros, que se impartiron en centros comunitarios e cívico-sociais dos diferentes barrios e parroquias de Narón.
A rexedora local apuntou que se celebraron en dúas quendas, unha no primeiro semestre do ano que tivo lugar en Pedroso, Freixeiro e no Centro de maiores das Vivendas da Mariña e outra despois do verán en Virxe do Mar, Piñeiros, Pedroso e Xuvia, con vinte horas de formación en cada caso.
Trala entrega dos diplomas a alcaldesa conversou cos participantes no obradoiro que estiveron no Concello e interesouse polas súas preferencias á hora de convocar novas accións formativas dirixidas ó colectivo.
Ferreiro felicitou ós homes e mulleres que remataron con éxito esta convocatoria e animounos a continuar participando noutras que se convoquen o vindeiro ano.