A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, o vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, e a deputada provincial María Muíño, desprazáronse este mércores, día 21 de decembro, ó muíño de Xuvia para realizar un percorrido polas instalacións, unha vez rematadas as obras.
Ó acto acudiron tamén os edís de Urbanismo e Obras de Narón, Manuel Ramos e Pablo Mauriz, respectivamente, os voceiros dos grupos do PSOE, David Pita; PP, Germán Castrillón, e BNG, Olaia Ledo e persoal da empresa adxudicataria dos traballos e da dirección de obra, se ben non puideron estar presentes os integrantes da AVV Altea, de Xuvia.
A actuación está cofinanciada pola Deputación da Coruña e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 e enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.
Ferreiro asegurou que “é un orgullo e, ao mesmo tempo, unha gran satisfacción ver o resultado deste traballo, un dos máis importantes a nivel patrimonial realizado non vou dicir neste mandato, senón na historia deste concello”, subliñou.
A alcaldesa agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña nesta actuación “un feito que vén a demostrar unha vez máis que a colaboración entre administracións é fundamental e debe ser prioritaria á hora de executar determinadas obras ou ofrecer certos servizos que redundarán na mellora da calidade de vida e no benestar dos nosos veciños, supoñendo ademais un revulsivo turístico e económico para este concello neste caso particular”.
Pola súa banda, Xosé Regueira indicou que “dende o primeiro momento que se nos trasladou desde o Concello de Narón a solicitude de colaboración na rehabilitación dun dos muíños máis importantes do territorio galego que data do século XVIII, dende a Deputación entendemos que a proposta ateosouraba múltiples razóns para colaborar».
«Primeiro, pola importancia da propia obra de rehabilitación en si; segundo para complementar o esforzo doutras administracións; e terceiro polo interese público rehabilitación, que vai ter como beneficiarios directos a todos os naroneses e naronesas e indirectamente ó resto de poboación, porque se recupera un elemento de importancia histórica e etnográfica que fala claramente dunha época onde a economía da zona dependía de instalacións deste tipo e tamén porque fala da nosa historia industrial”.
A maiores, sinalou que tamén hai que ter en conta “que esta actuación se sitúa no ámbito dun Camiño fundamental que é o Camiño Inglés, polo que tamén estamos contribuíndo a dar a coñecer o patrimonio histórico e singular que temos neste trazado a todas as persoas que o transitan”.
Finalmente, destacou a importancia de poder colaborar e deu os parabéns ó Concello de Narón por materializar este proxecto. O proxecto do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia, supuxo un desembolso de 1,25 millóns de euros, dos que a Unión Europea (FEDER) no marco da EDUSI “Ría de Ferrol, Cidade 2020” aportou 523.261 euros; a Deputación da Coruña 400.000 e o Concello os 330.305 restantes.
“Grazas a esas achegas foi posible materializar este proxecto que nos permitiu recuperar por completo esta edificación, como xa dixen unha das de máis valor histórico da nosa cidade”. A construción está formada polos dous muíños de Lestache, unha construción anexa con dúas moendas máis e a vivenda da familia Lestache e o seu despacho.
As obras executadas permitiron instalar un ascensor, acondicionar a recepción, o patio de distribución, o corredoiro da vivenda, o miradoiro, a sala introdutoria, as salas Lestache, Polivalente, Muíños, Bucau e a Sala da Cultura Industrial.
As moendas da construción funcionan como orixinalmente, o que supón un valor engadido polo que sempre se apostou con este proxecto de rehabilitación do muíño, datado do século XVIII, recalcou Ferreiro.
A rexedora local explicou que para completar este proxecto, darán tamén comezo o vindeiro ano as tarefas de musealización do muíño, orzamentadas en preto de 240.000 euros e que tamén estarán cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco da EDUSI “Ría de Ferrol, Cidade 2020”, e o Concello neste caso.
A actuación prevista posibilitará que no interior se poidan ver murais da factoría, mapas ilustrados, unha recreación de muíños de pedra, espazos informativos, vitrinas expositivas e outros elementos que reforzarán o valor dos traballos e o investimento a realizar na construción.
A alcaldesa reiterou o agradecemento ás administracións supramunicipais que colaboraron neste importante proxecto e tamén destacou o labor de todas e cada unha das persoas do Concello e das empresas que fixeron realidade esta obra.
Se adxuntan as declaracións da alcaldesa Marián Ferreiro
E as declaracións do vicepresidente da Deputación Xosé Regueira