A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asinou nos últimos días de xeito telemático varios convenios de colaboración económica do Concello con entidades das áreas de promoción económica, acción social e deportes.
Ferreiro destacou as partidas que en conxunto se destinarán ás catorce entidades con cuxos representantes asinou os acordos e que ascenden en conxunto a un total de 164.500 euros.
A rexedora local rubricou os convenios co Club Baloncesto Narón, A Fervenza Fútbol Sala Feminino, o Club de Remo Narón, e o Motoclub Fojeteiros na área de deportes.
En canto á de acción social, as entidades coas que se asinaron convenios foron a Fundación Ingada, AFAL Ferrolterra e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e, finalmente, no ámbito da promoción económica, coa Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer), a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal (AJE Ferrolterra), a Cofradía de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre, a Asociación de Empresarios Ferrolterra, a Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol e a Asociación de Comerciantes de Narón.
“Trátase dunhas partidas a través das que se constata o compromiso do goberno local con entidades e clubs que traballan con diferentes colectivos e en varias disciplinas deportivas, ofrecendo uns servizos de calidade ós veciños de Narón e que nalgún caso tamén nos permiten colaborar con causas solidarias”, destacou Ferreiro.