Campaña de recollida de xoguetes en Narón para o Nadal

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, a edil responsable do Servizo Sociocomunitario de Narón, Mercedes Taibo, e a secretaria da Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón, Ana Pena, presentaron este mércores, día 30 de novembro, a campaña solidaria de recollida de xoguetes que o Concello e a citada entidade impulsan un ano máis na cidade baixo o lema “Regala sorrisos”.

A rexedora local anunciou que se promoven dúas iniciativas, unha de recollida de xoguetes novos ou usados en bo estado e outra de recollida de doces de Nadal. As persoas que queiran entregar xoguetes poderán facelo dende mañá ata o 21 de decembro nos centros de ensino de Narón, na Biblioteca central do Alto, donde tamén se recollerán libros,  e nas tres escolas infantís municipais, as da Gándara, A Solaina e Piñeiros.

En canto á campaña de recollida de doces de Nadal, desenvolverase ata o 16 de decembro no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros e no centro de maiores das Vivendas da Mariña, donde se poderán entregar mazapáns, turróns, mantecados e outros doces propios das datas do Nadal.

As familias vulnerables que queiran recibir algúns dos xoguetes desta campaña deben solicitalo no Rexistro do Concello dende mañá ata o 26 de decembro. Terán que cumprir unha serie de requisitos, entre eles, ter fillos de entre 0 e 14 anos, aos que se entregarán dous xoguetes usados, un novo, un libro e un peluche, en función das existencias.

A entrega realizarase os días 3 e 4 de xaneiro nas instalacións do Centro de Recursos Solidarios de Narón en horario de tarde. As persoas interesadas en recibir máis información sobre estas campañas poden poñerse en contacto coa Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón, a través do teléfono 881 30 83 49 ou 634 555 663de 10.00 a 13.00 horas ou o mail crsnaron@gmail.com.

Tamén se pode contactar co Servizo Sociocomuntario de Narón, chamando ó número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109). Así mesmo, a través desas vías de comunicación do Centro de Recursos Solidarios poderanse inscribir para colaborar na clasificación do material recibido e tamén, do 26 ó 30 de decembro, para o empaquetado dos xoguetes que se entregarán ás familias.

Tanto dende o Concello de Narón como dende a Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón se agradeceu de antemán a gran solidariedade dos veciños da cidade en todas as campañas que se convocan para axudar a persoas vulnerables, así como o labor de establecementos particulares e instalacións municipais donde tamén se realizarán recollidas.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …