A compañía Traspasos Kultur SL representará este sábado, día 29 de outubro, ás 20.00 horas, no Pazo da Cultura de Narón a obra “Oceanía”, un monólogo do actor Carlos Hipólito que é o testamento artístico e vital de Gerardo Vera, o seu último proxecto antes de que o levase prematuramente o coronavirus. A peza é un retrato dun país e dunha época e constitúe o xerme do teatro, a súa verdadeira paixón.
As entradas teñen un prezo de 16 euros para o público xeral e de 11,20 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos).
O domingo 30 de outubro haberá no Pazo un espectáculo musical, “Al calor del cancionero”, da compañía Teatro de Malta. Ás 18.00 horas dará comezo esta proposta, a cargo de Cristina Almazán e Santi Martínez, que encarnan a Estambre e Bastille, un cesteiro e unha exploradora que están no medio da nada e que buscan quen lles entregue un tesouro composto polo cancioneiro tradicional.
As entradas custan 9,50 euros para o público xeral, 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e 5,50 para menores de 12 anos.
As persoas interesadas en adquirir as entradas poden facelo no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es