O Pazo da Cultura acolle a exposición «Tanxarina, 40 anos de títeres»

O Pazo da Cultura de Narón acolle ata o 22 de novembro a mostra “Tanxarina, 40 anos de títeres”, unha iniciativa enmarcada na 38ª Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil (MOTIX) organizada polo Padroado da Cultura en colaboración coa Deputación da Coruña.

No espazo expositivo do Pazo poden verse escenografías, atrezzos e títeres que compuxeron os espectáculos da compañía Tanxarina dende a súa creación, no ano 1983. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, animou ós veciños a acudir a ver esta mostra “que é un fiel reflexo do teatro de títeres galego e que nos permiten coñecer máis de preto a dilatada traxectoria dunha formación que actuou en varias ocasións na cidade e que o está facendo tamén esta semana con motivo da MOTIX”.

A mostra pode visitarse de luns a venres entre as 10.00 e as 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.

Alumnado de Primaria dos colexios do Val, Ponte de Xuvia, Ayala, Jorge Juan, Piñeiros e Virxe do Mar, de Narón, e dos centros Maciñeira, de Neda e Juan de Lángara e Lestonnac, de Ferrol, acudiron onte á representación da obra “A cazola de Lola”, da compañía Tanxarina Teatro.

A representación deste espectáculo tamén tivo lugar este mércores, día 26 de outubro, ás 10.00 e as 12.00 horas, para alumnado dos colexios do Feal e Santiago Apóstol de Narón; Unión Mugardesa, de Mugardos; Ponzos, de Ferrol e Virxe da Cela, de Monfero. Na xornada deste xoves 27 representarase de novo esta obra de Tanxarina para alumnado dos centros naroneses da Solaina e A Gándara e tamén para os da Xunqueira e O Ramo, de Fene; San Ramón, de Moeche e San Isidro de Neda. Preto de 1.800 escolares acoden ás seis funcións que se fixaron para esta semana no Pazo, a cargo de Tanxarina.

A programación da 38ª Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil de Narón retomarase o vindeiro mes de novembro, concretamente o día 8, coa representación de “Semente, o home que plantaba…” da compañía Emedous. Esa mesma obra poderase ver o mércores 9 de novembro, xornadas ambas nas que alumnado de centros de ensino de Narón e doutros concellos da comarca, un total de 849 menores, se desprazarán ó Pazo para asistir a esta convocatoria.

A mostra teatral continuará en novembro, os días 15, 16, 17, 21 e 22, coas representacións de “Carabela”, de Galeatro e “En bucle”, de Rayuela Producciones. As últimas representacións programadas nas tres escolas infantís municipais, as da Solaina, A Gándara e Piñeiros, serán os días 28, 29 e 30 de novembro, cando se poderá ver o espectáculo “Coser y cantar”, de Teloncillo Teatro

Lea también

Lúa Teijeiro Aneiros del Club Arco Narón elegida mejor deportista de Ferrol 2025 en esta modalidad

La arquera ferrolana Lúa Teijeiro Aneiros, alumna desde sus comienzos en este deporte de la …