Tras o pleno extraordinario celebrado o día 10 de outubro no concello de Narón, a sección sindical da CGT deste concello «vese na obriga» de respostar ás declaracións realizadas polo concelleiro de seguridade cidadá Román Romero Franco. Nun comunicado sinalan que
Dúas falacias graves
En primeiro lugar; cando o concelleiro afirma que o 90% dos parques de bombeiros galegos traballan con mínimos de 3 profesionais por quenda, comete dúas falacias graves: A primeira é, que esa cifra é inventada. Ningún parque de bombeiros municipal ten mínimos inferiores a 5 bombeiro por garda… salvo Narón.
A segunda é, que o concelleiro parece esquecerse que somos un servizo análogo a Ferrol, Lugo, Pontevedra, Santiago, Coruña… Compararnos con outro tipo de servizos de emerxencia, como poden ser GES, SMPCs, Bombeiros dos consocios provinciais, etc… é enganar á cidadanía de Narón. Nós somos un servizo que nace pola obriga da Ley de Bases de Réxime Local, é dicir, un Servizo MUNICIPAL de Bombeiros. Os únicos parques en Galiza que contan cunha dotación inferior a 5 bombeiros son aqueles xestionados polas deputacións; nos que, curiosamente, os nosos compañeiros pero tamén os seus xefes demandan un aumento de profesionais por quenda: “Todos los parques de bomberos necesitan un aumento de personal” Son as palabras textuais, publicadas nun medio de comunicación provincial do Xerente do Consorcio Provincial Contra incendios e Salvamento da Coruña, Luís Barca Añón.
As catro prazas
En segundo lugar; cando afirma que o concello vai ofertar de maneira inminente catro novas prazas de bombeiro, tamén falta á verdade. Esas catro prazas NON SON NOVAS. Dada a situación que se vive no noso servizo, todos os anos marchan compañeiros buscando un servizo de bombeiros que lles de unhas garantías mínimas de seguridade. Buscando un servizo no que o concello SI cumpra coa Lei de Prevención de Riscos Laborais.
Esas catro prazas non son novas, nin suman persoal o servizo. Esas catro prazas teñen que convocarse para cubrir a catro compañeiros nosos que marcharon. E mais que van marchar se a política deste goberno non cambia.
Para finalizar, dende a CGT queremos facer a seguinte reflexión: Unha semana despois de que o pleno do Concello de Narón, cos votos de TEGA e do PSOE, decidise non aumentar o número mínimo de bombeiros por quenda, ás 03:30 da madrugada na parroquia de Sedes, ardeu o restaurante “A Trasanquesa”. Coma sempre, en mínimos permanentes, acudiron ó incendio os 3 compañeiros da garda. Coma sempre, traballaron arreo, a pesares de que a dotación era insuficiente. Coma sempre incumpriuse a Lei de Prevención de Riscos Laborais e carecían de recurso preventivo e dun binomio de rescate. Coma sempre, foi necesario avisar a outros bombeiros de Narón que estaban nos seus días libres, nas súas casa, durmindo coas súas familias. Desta vez, desprazouse ata o lugar do sinistro o Concelleiro de Seguridade Cidadá e viunos traballar. Esperemos que aprendera algo e non faga oídos xordos ás nosas demandas, coma sempre. Rafael Jácome Salgado, Secretario Xeral da Sección Sindical CGT do Concello de Narón «