Exitosa acollida en Sedes da “XXI Feira do mel e sector primario de Narón”

Ás 11.00 horas desde domingo, día 23 de outubro, abría as súas portas o recinto feiral do Trece, en Sedes, con motivo da vixésimo primeira edición da “Feira do mel e sector primario de Narón”.

O concelleiro de Feiras, Santiago Galego, destacou o éxito de acollida desta convocatoria, á que acudiron numerosas persoas dende primeira hora da mañá. Unha vintena de postos de venda de mel e outros produtos amosan no interior do recinto feiral diferentes variedades que se poden probar e adquirir.

Así mesmo, ás 12.00 horas deu comezo un showcooking con diferentes elaboracións a base de mel e na que participaron unha trintena de persoas, que tiveron a oportunidade de degustar as propostas preparadas para a ocasión polo chef Antonio Díaz.

En total foron catro elaboracións dun menú didáctico: Gnoquis á carbonara de mel de silva e bacon de porco celta; xarda a soplete “lacada” con mel de eucalipto e pole; tosta de roxón de cachena ó mel de breixo e gofre de manteiga de Queixerías do Eume con xeado de mel monofloral de castiñeiro.

A medida que se cocinaba Díaz ía ofrecendo unha serie de explicacións ós asistentes sobre os diferentes tipos de mel que se poden etiquetar baixo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, multifloral, de zarzamora ou silva, de eucalipto, castaño, brezo ou de mielarda ou mielato-, entre outros relacionados co mel.

Os nenos tiveron tamén a oportunidade pola mañá de participar nun obradoiro infantil de pintacaras e outro de elaboración de diademas de abellas e pola tarde terá lugar outro sobre elaboración de velas que impartirá un escultor de figuras de cera.

Xunto ós postos de venda de mel tamén se instalaron no recinto feiral do Trece outros de queixos, froitas, marmeladas, crema de castañas, embutidos, produtos da horta, flores, e un específico da Asociación Galega de Apicultura, con información da entidade, coorganizadora do evento xunto co Concello naronés.

Pola tarde do citado domingo retomarase a programación ás 16.00 horas e ás 16.15 haberá un segundo showcooking e degustación de sobremesas saudables, a cargo de Bioreona. A partir das 18.00 horas programáronse relatorios técnicos e minicata, un sobre “Apiturismo”, con Pepe Torres, presidente de AGA e outro de “Control da velutina” co técnico apícola Rafael Díaz, para pechar o evento ás 20.00 horas.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …