Presentación de «Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo», en Ferrol

Este venres 21 de outubro, celebrarase, ás 19:30 h, na libraría Central Librera de Ferrol, a presentación de «Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo», de Marilar Aleixandre e Emma Pedreira.

Acompañando as autoras, estará a bookstagrammer Bárbara Fernández (@barbibooks).

«Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo», de Marilar Aleixandre e Emma Pedreira é unha lectura fundamental para comprender a vida dunha muller completamente adiantada á época.

Como se comparte no limiar do libro “todas as aventuras, as de Juana de Vega están unidas a desventuras. Sen desventura non hai verdadeira aventura”. Ela foi unha figura clave, que participou de forma activa na vida pública nuns tempos nos que isto non lles estaba permitido ás mulleres. Co seu tesón, conseguiu amosar que as batallas polas causas perdidas son semente de futuro.

Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) é feminista; narradora, poeta, tradutora e membro da Real Academia Galega desde 2017. Dona dunha das voces máis singulares das nosas letras, recibiu os máis importantes premios da literatura galega. O seu labor académico na Universidade de Santiago de Compostela, centrouse na argumentación e no pensamento crítico.

Editorial Galaxia publicou «Mudanzas e outros velenos» (2017), que reúne parte da súa obra poética; na colección Costa Oeste, «Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros» (2017) e «A filla do minotauro» (2018), Premio Raíña Lupa; na colección Literaria, «A Compañía Clandestina de Contrapublicidade» (1998), Premio Álvaro Cunqueiro e «As malas mulleres» (2021), Premio Blanco Amor; e, na colección Feminismos, «Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán» (2021), xunto con María López Sández.

Emma Pedreira (A Coruña, 1978). Filóloga, escritora e artista plástica. Como poeta, a súa obra atinxe máis de dez títulos, entre os que atopar «s/t», «O libro das mentiras» e «Antídoto», do que en 2017, un dos seus poemas foi considerado o “Mellor Poema do Mundo” e galardoado co Premio de Poesía Jovellanos.

En 2018 gañou o Premio da Crítica Española, no apartado de narrativa en galego, por «Bibliópatas e fobólogos», o Premio Xerais de novela por «Besta do seu sangue»,e o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño por «As voces ágrafas», e en 2019 o Premio Jules Verne por «Os corpos invisibles», novela que foi considerada, xunto coa autora, a mellor do ano 2018 pola revista electrónica Fervenzas Literarias.

En 2020 obtivo o Premio da Gala do Libro Galego ó mellor texto xuvenil por «Os corpos invisibles». O seu último libro, «Os libros que hai en min»(2021), é unha biografía bibliográfica que entronca con «Bibliópatas e Fobólogos».

Como artista gráfica participou nos poemarios «O Elo», de Quico Valeiras e «Círculo dentro do círculo», de Inma Doval, e na publicación «Xela Arias, poeta nas marxes», e en revistas especializadas como Cuaderno  Artístico, Collage eLa jirafa en llamas, entre outras.

Lea también

MIRALLAS presenta no CIRS de Cervás, Ares «elas pintan moito» no marco do 25N

Este sábado día 23, o grupo MIGALLAS porá en escea o espectáculo “ELAS PINTAN MOITO”; …