Curso en Narón “Atención Especializada en Alzhéimer e Demencias”

O Concello de Narón acollerá os días 20 e 21 de outubro o curso “Atención Especializada en Alzhéimer e Demencias”, dirixido a familias e coidadores de persoas afectadas de deterioro cognitivo e dependentes en xeral.

Impartido por Afal Ferrolterra, terá lugar no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, en horario de tarde e con dúas sesións de dúas horas.

A participación é gratuíta, con inscrición previa no departamento municipal de Servizos Sociais 981 33 77 00 ext. 1121 ou correo j.filgueira@naron.es. Esta acción formativa é posible grazas ó acordo de colaboración asinado entre a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e Afal, co apoio do Concello de Narón.

Na primeira das sesións previstas, abordarase a sintomatoloxía e os sinais que poden anticipar un deterioro cognitivo; describirase como adoitan cursar as demencias centrándose principalmente nas distintas fases do alzhéimer e nas alteracións de comportamento, ademais de realizarse un repaso ás terapias non farmacolóxicas que poden retrasar a súa evolución.

Na segunda sesión tratarase dun xeito moi práctico as mobilizacións e transferencias da persoa dependente, as mellores posturas para previr problemas circulatorios e cutáneos derivados do encamado e os materiais existentes para previr esa problemática.

Tamén se abordarán as técnicas para mover, cambiar de lugar e sentar á persoa enferma de maneira que non haxa ningún tipo de lesión nin no enfermo nin no coidador

Lea también

Unha unidade móbil de ADOS visita Narón esta semana

Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este xoves …