Ciclo de cine en Narón «Ciencia ficción para axitar conciencias»

A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro e o presidente do Cineclube Serie B, Alberto Pena, presentaron este martes, día 27 de setembro xunto con Anabel Valera, integrante da entidade, o novo ciclo de cine que se levará a cabo no Pazo da Cultura a partir deste mércores 28.

“Ciencia ficción para axitar conciencias” é o título deste ciclo, organizado polo Cineclube Serie B en colaboración co Concello, o Padroado da Cultura, a Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga) e a Xunta de Galicia.

A alcaldesa avanzou que a entrada é de balde, retirando previamente os tickets no despacho de billetes do Pazo, e que as proxeccións programadas, tres en total, serán ás 20.00 horas. Na primeira xornada, mañá, poderase ver “Hijos de los hombres”, de Alfonso Cuarón (2006), que aborda temas como a inmigración, a manipulación informativa e o terrorismo.

O mércores 5 de outubro proxectarase “Fahrenheit 451”, que constitúe unha reflexión sobre o totalitarismo, a censura e a liberdade de pensamento, de François Truffaut (1966) e o 19 de outubro “Distrito 9”, de Neill Blomkamp (2009), que aborda temas como o racismo, a segregación e os prexuízos raciais.

Dende o Cineclube Serie B convidaron á cidadanía a acudir ás proxeccións “porque son unha experiencia moi bonita nun espazo como o Pazo do que é todo un luxo poder dispoñer”. Así mesmo Pena avanzou que dende o Cineclube Serie B tamén se organizará un novo ciclo no mes de novembro e haberá unha proxección con motivo do Samaín pensada para público infantil.

Pola súa banda, a alcaldesa felicitou ós representantes do Cineclube Serie B “polo traballo que levades realizando nesta cidade a prol do cine e a vosa excelente disposición a colaborar co Concello e o Padroado da Cultura na organización de convocatorias como a que este mércores se inicia no Pazo”

Lea también

Lidl alcanza las 40 tiendas en Galicia con su nueva apertura en Narón

Lidl abrirá este viernes su primera tienda en la localidad coruñesa de Narón, estreno con …