O Concello de Ferrol presenta unha nova edición de FESTEA

Presentación de FESTEA | Concello de Ferrol

O Concello de Ferrol continúa promovendo programación cultural dirixida ao público infantil despois de que a pasada fin de semana a cidade participara no Festival Internacional de Entes Animados con varias actuacións. Esta mañá o concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, presentou unha nova oferta, a sétima edición de FESTEA, o Festival de teatro de monicreques para nenos, totalmente de balde, que se vai desenvolver na cidade desde esta fin de semana ata finais de novembro. O edil estivo acompañado polo director artístico do festival, Plamen Dipchikov.

A primeira actuación ‘Parade, el circo de los Valientes’, terá lugar o sábado, 1 de outubro, ás 18.30 horas, no centro cultural Torrente Ballester. Será para todos os públicos a cargo da compañía La Maquiné (Andalucía). A segunda será o domingo 2 de outubro, ás 12.30 horas, no mesmo espazo, baixo o título de ‘Estación Paraíso’, tamén de La Maquiné e para público familiar desde os 5 anos.

O 29 de outubro, ás 18.30 horas, o centro cívico de Caranza acollerá unha nova actuación, ‘Marionetas de Circo’, de Rui Sousa Marionetas (Portugal). O sábado 5 de novembro, ás 18.30 horas, tamén en Caranza, representarase ‘Juan Feroz y Lobo López’, da compañía madrileña Hilando Títeres. O día 13 de novembro, ás 12.30 horas no Teatro Jofre, os pequenos poderán ver ‘A cazola de Lola’, de Tanxarina (Galicia), e o día 19 de novembro no Ateneo Ferrolán actuará ás 18.30 horas a compañía italiana La Baracca Testoni Ragazzi coa obra ‘Una historia boca abajo’.

O día 20, no centro cultural Torrente Ballester, ás 12.30 horas, representarase ‘Casa’, tamén da compañía italiana, e o programa FESTEA rematará o día 26 de novembro no centro cívico de Caranza, ás 18.30 horas, coa obra ‘Las marionetas también tienen corazón’, da portuguesa Rui Sousa Marionetes.

Reparto, desde o martes anterior

Aínda que todas as actuacións son de balde, é necesario retirar invitación previamente no despacho de billetes do Teatro Jofre. Poñeranse a reparto o martes anterior á función no horario de 11 a 13 horas e de 18 a 20 horas de luns a venres e de 11 a 13 horas o sábado. Os sábados e domingos de función estará aberta tamén dous horas e media antes da actuación. No caso de que a obra se celebre nun espazo diferente ao Teatro Jofre poderanse retirar tamén alí se aínda hai invitacións libres.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle a exposición «Arte en tinta»

O Concello de Narón, ABANCA e Afundación inauguran este xoves 12 de decembro, ás 12.00 …