O Pazo da Cultura de Narón acolle unha «Xornada de economía social e emprendemento»

O Café Teatro do Pazo da Cultura acolle o vindeiro venres, día 30 de setembro, unha “Xornada de difusión: economía social e emprendemento Narón 2022”.

Así o anunciou este venres, día 23 de setembro, o concelleiro de Promoción Económica, David Pita, que recordou que se trata dunha iniciativa enmarcada no programa de actuación 2022 da Rede Eusumo da Xunta de Galicia e que conta coa colaboración do Ministerio de Traballo e Economía Social.

A cita desenvolverase entre as 9.00 e as 14.00 horas. Ás 9.00 horas terá lugar a inauguración institucional da convocatoria, na que participarán a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o concelleiro de Promoción Económica, David Pita, e a secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca.

Ó remate terá lugar a presentación da Oficina Local de Fomento da Economía Social da Rede Eusumo para, sobre as 9.45 horas dar paso ás intervencións de tres entidades asociativas para o emprendemento: a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami); Unión de Cooperativas Galegas (Espazocoop); e o Grupo de Desenvolvemento Rural Seitura 2022.

Tras unha pausa para o café ás 11.15 horas retomarase a programación ás 11.45, coa intervención de representantes de dúas entidades de financiamento ético para o emprendemento: Fiare Banca Ética e Coop57 Galiza. Ás 12.45 horas será o momento da presentación de dúas experiencias de emprendemento e sobre as 13.45 horas procederase a clausurar a xornada.

O concelleiro de Promoción Económica animou aos emprendedores, empresarios e entidades de recente creación a acudir a esta convocatoria, para coñecer de primeira man modelos de financiamento alternativos á banca tradicional e algunhas experiencias de cooperativismo.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …