A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, avanzou o programa de actividades deseñado dende o Concello de Narón no marco do programa Apego, a través do que se facilitan ferramentas e recursos ás familias que desexan criar ós seus nenos en galego.
A edil naronesa explicou que tanto no mes de outubro como no de novembro se levarán a cabo dúas propostas organizadas a través do Servizo de Normalización Lingüística. Taibo indicou que o 5 de outubro está programado “Brilla, brilla”, de Trémola Teatro.
“É unha proposta de teatro sensorial dirixida a nenas e nenos de 6 meses a 4 anos”, apuntou. A estreliña Vela, protagonista da historia, está triste porque aínda non aprendeu a brillar pero grazas á axuda da súa amiga Lira poderá brillar.
Esta obra fará comprender o valor da amizade a través de elementos sensoriais como o confete, a luz led, instrumentos… facendo gozar dunha emocionante aventura ós asistentes.
A segunda proposta de outubro será “Un saco de contos” un espectáculo de narración oral a cargo de María da Pontragha que se poderá ver o día 19 e dirixido a menores de 3 a 6 anos. Os contos e as cancións de tradición oral para crianzas permitirán trasladar a herdanza cultural ás familias para que coñezan este tipo de tradicións.
No mes de novembro, o día 9 terá lugar “Tecendo soños” de Emanarte, para nenos de 0 a 3 anos. A proposta consiste nun obradoiro de arrolos e estimulación sensorial para bebés e no que as familias aprenderán con Esperanza Mara arrolos tradicionais que poderán poñer en práctica a través da estimulación sensorial cos seus bebés.
Finalmente, o 30 de novembro a compañía Tarabelos protagonizará un espectáculo de marionetas, “Sabela e o paxaro máxico”. A protagonista será unha nena que terá que aturar os caprichos da súa xefa, una paxariño fantástico que sempre está disposto a axudala, un mago malvado, un ogro cheirento… Está recomendado para menores de 3 a 6 anos.
A concelleira de Ensino explicou que todas estas actividades terán lugar no Centro Cívico Social do Alto do Castiñeiro, ás 18.00 horas. Así mesmo, informou que as persoas que desexen asistir deben anotarse previamente, de balde, a través do correo a.pita@naron.es, debendo indicar o nome da actividade, o nome e idade do neno e do pai, nai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.
Para máis información sobre estas propostas e sobre o programa Apego pódese consultar a web: www.apego.gal