A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Mocidade, Pablo Mauriz, presentaron esta martes, día 13 de setembro a Liga nacional de Graffiti que se celebrará esta fin de semana na cidade, de venres a domingo.
O túnel do Camiño Inglés, nas inmediacións da empresa Megasa, no paseo de Xuvia, é o lugar elixido para que unha decena de graffiteiros participen nesta convocatoria organizada polo Concello. Nauni69, Rudiart, Hide2, Sea162, Nexgraff, Jacobo Palos, Elrond, Decima PNS, Konestilo e Danklabara son dez dos mellores artistas nacionais que competirán por un premio e darán a coñecer ao público xeral o seu don para pintar coa técnica do spray.
Os participantes están previamente clasificados para participar na Liga nacional de Graffitis, trala realización duns traballos previos publicados nas redes sociais e votados polo público e un xurado.
Ferreiro explicou que o venres os artistas comezarán a pintar e marcar as paredes que pintarán sobre as 10.30 horas e o sábado durante toda a xornada adicaranse a pintar os deseños elixidos para as súas obras.
O domingo poderán rematar os detalles dos traballos ata as 12.00 horas, momento no que se publicarán e valorarán a través das redes sociais da Liga nacional de Graffiti e dun xurado. Ás 14.00 horas está prevista a entrega de premios ó primeiro, segundo e terceiro finalista, que recibirán unhas tarxetas agasallo e outros agasallos de patrocinadores do evento.
“Cada artista pintará unha superficie de aproximadamente 18 metros cadrados, cunha temática referente ó Camiño Inglés do Camiño de Santiago, que discurre polo tramo no que se localiza o túnel, ó seu paso polo termo municipal”, apuntou a rexedora local.
A convocatoria retransmitirase vía streaming durante tres horas tanto o venres como o sábado e unha o domingo, podendo consultarse na web da Liga Nacional de Graffiti a información dos artistas rexistrados liganacionaldegraffiti.com e tamén nas contas de Instagram @liganacionaldegraffiti e Facebook Liga Nacional de Graffiti