O Concello de Narón destina unha partida que ronda os 250.000 euros a ampliar a rede de saneamento en varios lugares das parroquias do Val e San Mateo.
No primeiro dos casos a actuación, orzamentada en 90.624,03 euros está en proceso de licitación, se ben no caso de San Mateo, os traballos licitáronse en 156.997 euros e están xa en proceso de adxudicación, tal e como avanzou a alcaldesa, Marián Ferreiro.
A rexedora local destacou que se trata de intervencións “que permitirán continuar avanzando na implantación deste servizo na zona rural de Narón, co fin de que ano tras ano sexan máis as vivendas que dispoñan do mesmo ata ir completando os diferentes núcleos”.
No caso das obras proxectadas na parroquia do Val, a alcaldesa informou que darán servizo a unha decena de vivendas localizadas nos lugares de A Modia, O Cruceiro, A Ponte e Quintá. “En varios tramos en cada caso concreto conectaranse aos pozos de entronque dos colectores de saneamento existentes na zona, salvando as pendientes existentes en cada un deles”, indicou a rexedora local.
Ó estar en período de licitación as empresas interesadas en presentar ofertas poden facelo no Concello ata o vindeiro 20 deste mes ás 15.00 horas, dispoñendo de toda a información sobre o proceso na Plataforma de Contratación do Sector Público.
Esta actuación cofinánciase a través do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal (Plan único de concellos), POS+ 2022, tal e como se recordou dende o Consistorio.
No que respecta á parroquia de San Mateo, os traballos permitirán dotar de servizo a trece viviendas, con posibilidade de dar servizo nun futuro ata un máximo potencial de 50. Os traballos proxectáronse en catro tramos, que unha vez materializados permitirán mellorar a calidade ambiental da zona, donde se rexistran na actualidade varias fosas sépticas. Neste caso trátase dunha actuación que se financiará exclusivamente con cargo a fondos municipais.
Ferreiro subliñou que a intervención “súmase a outras impulsadas dende o goberno local e que tan só nos dous últimos anos supuxeron un investimento de máis de 1,5 millóns de euros”. Entre elas contémplanse, apuntou, a ampliación da rede de saneamento en Sedes, as executadas na zona do Val e Outeiros, a proxectada no Couto e outras en Ferrerías, Sedes e no Alto.
A rexedora local incidiu en que “continuaremos traballando nesa liña e destinando partidas para investir neste tipo de proxectos que consideramos fundamentais para a nosa cidade”.