A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, anunciou que a Biblioteca retomará en setembro tres actividades permanentes dirixidas a público adulto. Así o indicou a edil naronesa, que informou que o vindeiro luns, día 5, abrirá o prazo para preinscribirse no Club de Lectura feminista e no Club de lectura xeral. Dende o 5 ó 10 de setembro poderán preinscribirse as persoas interesadas, no horario de apertura da Biblioteca de xeito presencial ou chamando ó teléfono 981 382 173.
O Club de Lectura feminista retomará o carácter presencial nas dúas xuntanzas mensuais que se programan para “coñecer, reflexionar e compartir sobre diferentes temas e cuestións dende unha perspectiva feminista e a través da lectura de diferentes autoras”.
Taibo avanzou que se ofertan un total de 12 prazas para esta actividade, cuxa data de celebración se informará previamente, será dous xoves ó mes de 18.00 a 19.30 horas, así como das lecturas do primeiro trimestre. O xoves 15 haberá unha xornada de presentación para as persoas que obteñan praza na actividade, cuxas primeiras xuntanzas serán o 6 e o 20 de outubro, o 10 e o 24 de novembro e o 1 e o 15 de decembro.
Así mesmo, abrirán as preinscricións no Club de Lectura xeral, que se reunirá cada martes de 19.00 a 20.30 horas para comentar lecturas comúns. Haberá tamén 12 prazas e as persoas que as obteñan poderán levar en préstamo a primeira lectura do trimestre, que estará dispoñible na Biblioteca o luns 12 de setembro. As xuntanzas dese primeiro trimestre serán, tal e como avanzou Taibo, os martes 25 de outubro, 22 de novembro e 13 de decembro.
Finalmente, tamén se retomarán as Mesas de conversa en inglés, todos os luns en dúas sesións, de 17.15 a 18.15 e dende as 18.15 ata as 19.15 horas. A participación nestas sesións, encamiñadas a mellorar o nivel de expresión oral en inglés, é de balde.
Tan só será preciso anotarse previamente para cada luns o mércores anterior ás 9.30 horas, de xeito presencial ou telefónico. Para as primeiras sesións deste trimestre, que terán lugar o luns 3 de outubro, abrirase o prazo de inscrición o mércores 28 de setembro ás 9.30 horas.
A concelleira naronesa recordou que a Biblioteca municipal continúa co horario de verán ata o 7 de setembro, se ben indicou que a partir do 8 de setembro retomará o de inverno, permanecendo aberta de luns a venres entre as 9.30 e as 13.30 e de 16.00 a 21.00 e os sábados de 10.00 a 13.00.