O Concello de Narón abrirá o vindeiro xoves, día 1 de setembro, o prazo de inscrición nos obradoiros de convivencia escolar e prevención do acoso escolar e de prevención de ludopatías en menores.
A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, indicou que se trata de dúas propostas “que levan anos desenvolvéndose nos centros de ensino da cidade, cunha gran acollida e que son moi necesarios nos actuais tempos que vivimos en materia de prevención e de cara a facilitar unha serie de ferramentas ó alumnado e ás súas familias para erradicar condutas perigosas”.
Os obradoiros de convivencia escolar e prevención do acoso escolar diríxense a alumnado que curse sexto de Primaria e primeiro da ESO en centros da cidade, ás familias do alumnado que participa ou do centro e tamén ó profesorado dos centros de ensino que participan no programa.
As sesións desenvólvense co alumnado de xeito individual e grupal e coas familias e profesorado, co fin de detectar o acoso escolar nas aulas e crear un espazo no que se aborde esta temática nos seus diferentes contextos.
Entre os obxectivos do programa están os de crear un clima positivo nos centros como lugar de convivencia, traballar aspectos da intelixencia emocional que axuden a previr estas situacións, capacitar aos menores para identificar situacións de acoso nas aulas e ciberacoso e explicarlles como actuar, etc.
En canto ós obradoiros de prevención de ludopatías en menores, no caso dos escolares diríxense a alumnado de sexto de Primaria e segundo e terceiro curso da ESO e FPBI dos centros de ensino de Narón, se ben no ámbito familiar se levan a cabo nas escolas de familias e nas ANPA dos centros de ensino da cidade. Cos menores e coas familias abórdanse diferentes contidos, en función de cada ámbito, para sensibilizar á cidadanía sobre esta problemática e os seus riscos e ofrecerlle ferramentas para evitar estas condutas.
Taibo indicou que este ano se continúa con esta proposta debido a que tal e como se detectou a pandemia propiciou un incremento dos problemas derivados do uso das tecnoloxías, concretamente das apostas por internet, entre outros.
Os centros de ensino da cidade interesados poderán realizar as solicitudes para estas dúas propostas, que terán lugar en horario lectivo, dende o vindeiro xoves, podendo obter máis información na páxina web: buscoactividade.naron.es, a través do Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello, na dirección de correo electrónico: omix@naron.es ou chamando ó número de teléfono 981 337 700 (extensións 1111, 1108 e 1109)